A Xunta destaca a importancia do impulso das mulleres profesionais e da visibilización de traxectorias diversas
María Quintiana pon en valor o talento, a capacidade e o liderado feminino, como valores para contribuír a mellorar de maneira decisiva o conxunto da sociedade
Subliña o impacto positivo que teñen os programas do Goberno galego para favorecer a conciliación corresponsable, o emprendemento feminino e a presenza das mulleres nos sectores masculinizados
A Coruña, 6 de marzo do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou hoxe o impacto positivo que ten a igualdade entre mulleres e homes no ámbito laboral e profesional para potenciar a competitividade e o éxito das empresas. Fíxoo na xornada organizada polo Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (Coafga) con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres.
Na súa intervención, María Quintiana sinalou que “o talento, a capacidade e o liderado feminino contribúen de maneira decisiva a mellorar o conxunto da sociedade”. Ademais, destacou o moito que se ten avanzado na participación e en dar visibilidade ás mulleres en todos os ámbitos, mais apuntou a que hai que seguir traballando para romper coas barreiras de xénero que aínda persisten.
Neste sentido, a directora xeral destacou os programas que ten en marcha a Xunta de Galicia nos ámbitos da conciliación e da corresponsabilidade, así como para impulsar a presenza feminina nos eidos empresarial ou investigador, entre outros. Así, referiuse ao Plan Corresponsables, dotado de 7,4 millóns de euros para financiar servizos de coidadores, de madrugadores, campamentos e outras iniciativas de Asociacións de Nais e Pais (Anpas), concellos e entidades sociais que favorezan a conciliación e un reparto equilibrado das responsabilidades no seo das familias.
Tamén subliñou o programa de apoio ao emprendemento feminino Emega, a través do que a Xunta apoio nos últimos trece anos máis de 2.400 proxectos e se crearon máis de 4.000 empregos, ou a Estratexia galega de emprendemento feminino en sectores masculinizados que está a ultimar o Executivo autonómico.
Por último, María Quintiana instou a continuar dando visibilidade ás mulleres profesionais de todos os sectores e con traxectorias diversas que existen Galicia, referíndose á campaña da Xunta polo 8M Máis referentes, máis presentes no que presenta a plataforma presentes.gal.