A director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitou esta mañá o recurso situado no Hospital Gil Casares de Santiago

A Xunta destaca a atención especializada e inmediata que prestan os centros de crise 24 horas

A Administración autonómica conta con diferentes programas dirixidos ás vítimas como as axudas periódicas, as subvencións a entidades para o fomento da contratación ou a rede de Centros de Información ás Mulleres (CIM)

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitou hoxe o centro de crise 24 horas de Santiago de Compostela, situado no Hospital Gil Casares. Este é un dos cinco puntos de atención especializada ás vítimas que están en funcionamento en diferentes cidades galegas.

Roberto Barba apuntou que este centro súmase aos recursos e programas que ten Galicia para combater a violencia de xénero. Neste sentido, destacou que neste servizo gratuíto as vítimas reciben unha atención especializada e integral, así como asesoramento e acompañamento.

O director xeral puxo en valor o traballo que desenvolve o persoal que está ao fronte deste centro, formado por profesionais nos ámbitos da psicoloxía, do social e do xurídico. Tamén sinalou que a Xunta conta con diferentes apoios dirixidos ás mulleres que sofren agresións, tales como: as axudas periódicas, as subvencións a entidades para o fomento da contratación de vítimas da trata ou explotación sexual ou a rede de Centros de Información ás Mulleres (CIM), que dan servizo a arredor de 200 concellos.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios