A Xunta destaca a aposta do programa Emega como impulso dos emprendementos femininos no eido da innovación e da tecnoloxía

Unha das modalidades que contempla o programa é Emega Innova, con apoio de ata 42.000 euros para proxectos de carácter innovador

Destínanse máis de 5 millóns de euros a esta convocatoria que apoiará  máis de 350 proxectos de emprendemento feminino e que xa se pode solicitar desde hoxe

San Cibrao das Viñas (Ourense), 15 de xullo de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, coñeceu esta mañá as instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas para afondar nos proxectos que están desenvolvendo. Na súa visita, xunto ao director do parque, Javier Taibo Gallego, e a responsable de Woman Emprende e titora dos proxectos Emega, Eva López Barrio, lembrou que desde hoxe xa se poden solicitar as axudas correspondentes ao programa Emega para apoiar o talento empresarial feminino e que conta cun orzamento de máis de 5 millóns de euros que permitirá apoiar 350 proxectos de emprendemento feminino.

Precisamente, despois do percorrido polo complexo, lembrou que este programa é un impulso para proxectos de carácter innovador e tecnolóxica, contando cunha modalidade, Emega Innova, para o apoio aos proxectos innovadores con presenza tecnolóxica e investigadora con contías de ata 42.000 euros. Neste sentido, lembrou que ademais desta hai outras tres ordes diferentes: Emega Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais; Emega Impulsa, con ata 17.000 euros de subvención, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres, así como a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; e Emega Concilia, unha achega complementaria ás anteriores, co obxectivo de favorecer a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral tanto das mulleres promotoras da iniciativa empresarial como das traballadoras por conta allea.

 Ademais, a directora xeral lembrou que este ano a convocatoria presenta como principal novidade o reforzo de criterios específicos para a concesión das achegas, co obxectivo de prestar un maior apoio a mulleres maiores de 55 anos, a propostas de emprendemento no rural e en sectores masculinizados, así como favorecer a realización de proxectos colaborativos. Ademais, os Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego converteranse en aliados estratéxicos da iniciativa, especialmente nas áreas rurais, co desenvolvemento dun programa de formación específica para as beneficiarias.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios