A Xunta denuncia que o Goberno central mantén un ano máis o recorte de 50 M€ dos fondos do Plan Corresponsables
Esta decisión do Executivo central ocasiona que Galicia deixe de recibir novamente este ano 2,3 millóns de euros para financiar actividades e iniciativas de conciliación e corresponsabilidade
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026
A Xunta participou esta mañá na Conferencia Sectorial de Igualdade, na que o Goberno de España ratificou a súa decisión de recortar 50 millóns de euros ao Plan Corresponsables, o que supón a perda de 2,3 millóns de euros para políticas de igualdade en Galicia.
Esta decisión do Executivo central ocasiona que Galicia deixe de recibir, un ano máis, 2,3 millóns. Neste sentido, a Xunta reivindicou o importante traballo que se viña realizando en colaboración co tecido social desde a posta en marcha deste programa no 2021, grazas á cooperación e a lealdade institucional, o que permitiu á comunidade ser referente na súa execución.
A Xunta tamén lle afeou ó Executivo central que volva actuar sen ter en conta que “as comunidades xa teñen comprometidos estes fondos desde comezos de ano” e que se fai, dixo, sen ter información sobre as novidades e modificacións que se van realizar. Por iso, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, insistiu en que “este acordo tense que traballar moito antes, xa a finais de ano”, para poder encarar con total garantías a execución dos orzamentos, sempre en vigor en Galicia desde o 1 de xaneiro.
Neste sentido, hai que lembrar que a través destas subvencións, a Xunta sufraga accións de conciliación corresponsable durante todo o ano a concellos, entidades de iniciativa social e ANPAS, con programas que van desde campamentos, servizos de madrugadores e proxectos de formación e sensibilización en materia de corresponsabilidade.