A Xunta defende un feminismo “de palabras e feitos” co que responder ao machismo residual que aínda pervive na sociedade
Fabiola García aposta por impulsar “unha revolución pacífica e coral”, na que as mulleres de hoxe “sexamos a voz que as mulleres de onte non tiveron”, recollendo o relevo de feministas como Pardo Bazán
Nesta edición, distinguiuse á política e ex conselleira, Manuela López Besteiro; á deportista olímpica, María Teresa Portela Rivas; e a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), encargada da protección das vítimas de violencia de xénero
A Coruña, 3 de outubro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, apostou hoxe por un feminismo inclusivo que implique “unha revolución pacífica e coral” e que “non é un clamor momentáneo e efémero, senón un esforzo continuo”. Díxoo na gala de entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán 2025, coas que o Executivo autonómico recoñece o traballo de persoas e entidades en favor da igualdade.
Na súa intervención, a conselleira destacou que este feminismo, protagonizado por mulleres que traballan en ámbitos sociais e profesionais variados, debe ser unha resposta “ao machismo residual que aínda pervive na sociedade” e tamén “a un activismo baleiro e estéril”. Así mesmo, puxo en valor a traxectoria das galardoadas deste ano: a política galega e ex conselleira, Manuela López Besteiro; a deportista olímpica, María Teresa Portela Rivas; e a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), encargada da protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.
Tras a entrega dos galardóns, Fabiola García incidiu, ademais, en que “as mulleres de hoxe estamos empezando a cumprir o soño das mulleres de onte. Agora, somos a voz que elas non tiveron e damos pasos adiante que elas non poden dar”.
Na edición deste ano distinguiuse a Manuela López Besteiro, política galega que exerceu de conselleira de Familia, Muller e Xuventude entre os anos 1993 e 2002, nunha época na que desenvolveu un labor fundamental para reivindicar os dereitos das mulleres e dar visibilidade á importancia da conciliación e da corresponsabilidade como garantía dunha sociedade máis igualitaria.
Outro dos tres recoñecementos, recaeu en Teresa Portela, padexeira olímpica galega. Esta deportista é todo un referente consolidado na defensa dos dereitos das mulleres e á hora de dar visibilidade ao papel do deporte feminino. O seu esforzo e dedicación ao longo destes anos, rompendo barreiras sociais, amosa ás novas xeracións a importancia da igualdade en todos os eidos da sociedade.
Pola súa parte, a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) é a encargada de dar protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero e que forman parte do sistema Viogen. Deste xeito, recoñécese o traballo que desenvolven cada día acompañando a todas estas mulleres e representando un papel destacado tamén na súa recuperación.
Condecoracións honoríficas
As Medallas Emilia Pardo Bazán foron creadas pola Xunta de Galicia no 2019 para o recoñecemento de accións relevantes desenvolvidas en prol da igualdade entre homes e mulleres. Concédense cada ano tres condecoracións de carácter honorífico e poden ser destinatarias persoas, colectivos, entidades ou institucións de carácter público e privado.
Os galardóns permiten realizar un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva, ao tempo que contribúen á sensibilización social, a dar máis visibilidade aos talentos e ás capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria tanto vital como profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar a discriminación de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria.
Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán, muller precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo, así como do acceso á educación das mulleres, ideas que trasladou á súa obra literaria.