A Xunta defende o traballo conxunto das administracións na prevención e sensibilización contra a violencia de xénero
O director xeral de Loita contra a Violencia de xénero participou na apertura do encontro ‘No estáis solas’ que analiza o papel da xustiza nesta materia
Lugo, 18 de novembro de 2024
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na primeira xornada do encontro universitario No estáis solas que organiza a UNED en Lugo para analizar o papel da xustiza na loita contra a violencia machista e no que defendeu a necesidade de unir esforzos entre administracións para facerlle fronte a esta lacra.
Así, Roberto Barba lembrou que Galicia conta cunha normativa que protexe a calquera muller vítima de violencia de xénero, independentemente de como se manifeste. Deste xeito, o director xeral sinalou que desde a Xunta se garanten todos os dereitos e prestacións que lles corresponden, así como a asistencia para facer fronte á situación e a reparación do dano.
Neste senso, o director xeral destacou que a Xunta de Galicia conta con diferentes recursos que van dende a sensibilización da sociedade ata a atención das vítimas. Así mesmo, Roberto Barba fixo fincapé en que a Xunta non deixará de traballar neste eido mentres unha soa muller sufra as consecuencias do machismo.