A Xunta dá continuidade ao programa de talentos inclusivos da Fundación Igual Arte nos centros de discapacidade públicos
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, mantén unha reunión coa directiva da entidade para avaliar as posibles liñas de colaboración
Vigo, 17 de setembro do 2026
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, mantivo esta mañá unha reunión cos responsables da Fundación Igual Arte para avaliar as vías de colaboración coa Xunta e dar continuidade ao programa de talentos inclusivos que a entidade ofrece nos diferentes centros públicos de discapacidade.
Grazas a esta colaboración, Igual Arte volverá visitar os cinco centros de titularidade pública da Xunta na Coruña, Ferrol, Sarria, Ourense e Redondela a onde levou actuacións musicais do seu grupo ‘Chungo Pastel’, así como un espectáculo de contacontos con moi boa acollida por parte dos usuarios.
Durante a visita, a directora xeral tamén felicitou á fundación por “seguir poñendo á disposición das persoas con discapacidade a paixón pola creatividade artística”. Neste sentido, lembrou que para garantir unha vida plena para todas as persoas con discapacidade é necesario impulsar actividades e programas que atendan as súas preferencias e inquietudes, algo que é posible grazas aos seus talleres ocupacionais nos que se fomenta a creatividade e a arte.
A Fundación Igualarte foi creada en 2002 e está especializada na formación de persoas con discapacidade cara un futuro profesional relacionado coas artes. A Xunta colabora coa Fundación a través de varias axudas con cargo ao 7% do IRPF, así como no financiamento de prazas.