A Xunta convoca as axudas do programa ‘Galicia Investiga Igualdade’ para estudantes predoutorais
Destínanse 1,1 millóns de euros a apoiar dez contratos, prorrogables durante catro anos e que se comezarán a desenvolver desde o vindeiro 1 de setembro
A iniciativa inclúe, ademais, o financiamento dunha estadía no estranxeiro de tres meses de duración, que lles permitirá ás persoas beneficiarias acadar a mención de doutora ou doutor internacional
As achegas oscilarán entre os 24.600€ e os 30.600€, un importe que na etapa posdoutoral acadará os 31.500 euros ao ano
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria do programa Galicia Investiga Igualdade, unha iniciativa pioneira que beneficiará a dez estudantes predoutorais para que poidan impulsar as súas carreiras científicas en materia de xénero e no que a Xunta inviste 1,1 M€. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante un mes, a partir de mañá.
Este é o primeiro programa de apoio á investigación na etapa predoutoral en materia de xénero. Está dirixido a estudantes nas universidades galegas e permitirá apoiar un total de dez contratos, prorrogables durante catro anos e que se comezarán a desenvolver desde o vindeiro 1 de setembro.
O obxectivo da Xunta con este programa é apoiar a etapa predoutoral, dando axudas ás tres universidades públicas galegas que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras ou doutores, en materia de xénero en calquera das áreas de coñecemento. Esta iniciativa inclúe, ademais, o financiamento dunha estadía no estranxeiro de tres meses de duración, que lles permitirá acadar a mención de doutora ou doutor internacional.
As axudas distribuiranse entre as cinco ramas de coñecemento: Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura, de xeito que se garanta a concesión dun mínimo dunha axuda para cada rama. Ditas achegas oscilarán entre os 24.600€ e os 30.600€, un importe que na etapa posdoutoral acadará os 31.500 euros ao ano. Ademais, as axudas para estadías no estranxeiro terán un importe máximo de 6.000€, en función do destino.
A finalidade deste programa é fomentar a formación de investigadoras e investigadores para a obtención do título de doutoramento e a adquisición de competencias relacionadas coa investigación en xénero. Tamén se busca mellorar o coñecemento da situación, condicións e posición de mulleres e homes nas relacións de xénero nos distintos ámbitos da vida. Así como dar a coñecer os resultados da investigación que poidan constituír boas practicas de políticas de igualdade.
A perspectiva de xénero está presente en todas as áreas do Goberno galego de xeito transversal e este novo programa é un paso importante da Xunta de Galicia para apoiar o impulso da perspectiva de xénero no eido da investigación universitaria.
Este programa enmárcase noutros instrumentos de planificación do Goberno galego como é o RIS3 de Galicia 2021-2027, respondendo ao obxectivo estratéxico de desenvolver o talento das persoas, e no VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, no relativo á introdución da perspectiva de xénero na ciencia e na investigación.