A Xunta convida á sociedade galega a participar na andaina contra a violencia de xénero ‘Camiño ao respecto’, que se celebrará o domingo 24 de novembro en Santiago

As persoas interesadas en tomar parte no percorrido, que sairá do Monte do Gozo en dirección á Praza do Obradoiro, xa poden formalizar a súa inscrición

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024

A andaina contra a violencia de xénero Camiño ao respecto celebrará o vindeiro domingo 24 de novembro a súa duodécima edición. Este acto solidario e reivindicativo enmarcase nas máis de 300 actividades organizadas pola Xunta de Galicia con motivo da conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller.

O Goberno galego convida á sociedade a participar neste percorrido, que sairá ás 11,00 horas do Monte do Gozo en dirección á Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela. As persoas interesadas en tomar parte na andaina de xeito individual ou en grupo poden formalizar xa súa inscrición nesta ligazón e recibirán un dorsal personalizado no enderezo electrónico que aporten.

A Xunta de Galicia promove máis de 300 accións de formación, sensibilización e prevención contra a violencia de xénero con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, 25N. Nesta programación ponse o foco na mocidade, para previr actitudes machistas e fomentar valores como a igualdade entre mulleres e homes, o bo trato ou a non discriminación.

Nestas actividades están implicadas distintas áreas do Goberno galego e apóianse con diferentes liñas de investimento accións en centros educativos, en Anpas, en entidades sociais e nos Centros de Información ás Mulleres (CIM).

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios