A Xunta continúa co programa de accións de sensibilización e prevención da violencia de xénero dirixido aos concellos

A iniciativa leva en marcha desde o ano 2012 e pretende chegar a máis de 230 concellos galegos

Ofértanse once actividades diferentes, como teatro, exposicións ou formación sobre violencia de xénero no ámbito dixital, entre outras

Os concellos poden solicitar as propostas que desexan ata o vindeiro venres, día 20

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025

A Xunta ten en marcha unha nova edición do seu programa de accións de sensibilización e prevención da violencia de xénero dirixido aos concellos, que está dotado dun orzamento de 134.000 euros. Ofértanse once actividades diferentes, que abranguen desde teatro ou exposicións ata charlas e obradoiros.

Os concellos integrantes da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, un total de 231,  poden solicitar as propostas nas que están interesados desde o pasado día 5 ata o vindeiro venres, día 20. As actividades non comportan ningún custo económico para eles. Os obxectivos deste programa e poñer de manifesto o rexeitamento social e institucional da lacra que supón a violencia contra as mulleres, sensibilizar á poboación e buscar a súa implicación e compromiso real en contra da mesma, así como fomentar unha convivencia baseada no respecto e na igualdade.

Esta iniciativa leva en marcha desde o ano 2012, no marco do Acordo de Colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia (Fegamp), e está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Propostas

As actuacións de sensibilización e prevención que a Xunta pon a disposición dos concellos a través deste programa son as seguintes:

- Obradoiro de teatro comunitario Os marcos movémolos nós: Proxecto de teatro comunitario con perspectiva de xénero centrado no xogo e nas dinámicas teatrais vivenciais coa finalidade de elaborar unha pequena posta en escena grupal para unha posterior acción escénica.

- Exposición Chicas nuevas 24 horas: Mostra baseada no documental do mesmo nome da directora e documentalista Mabel Lozano, no que se denuncia o negocio que xera a explotación sexual de mulleres e nenas. A exposición vai acompañada dun taller formativo dirixido preferentemente á xente moza, a partir de 14 anos.

- Espectáculo teatral Golpes: Representación escénica pedagóxica de sensibilización sobre a violencia de xénero, protagonizado por Estíbaliz Veiga. Golpes é a vida de Pamela, unha rapaza que nos conta a súa vida, os seus soños, como era romántica, que aprendeu dunha relación que non debeu vivir. A obra aborda o tratamento e prevención da desigualdade desde a adolescencia.

- Curso de defensa persoal para mulleres e mozas: Está impartido por monitores e monitoras especialistas en defensa persoal coa finalidade de dotar de ferramentas para a prevención de situacións de violencia de xénero.

- Exposición Á Violencia de Xénero... Dille NON!: Mostra gráfica ilustrada, dirixida a axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas, nocivas nas súas relacións.

- Exposición Cartas de Amor: Mostra gráfica de ilustracións de diversos artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade.

- Exposición fotográfica Express-Arte: Mostra fotográfica que amosa unha perspectiva de diferentes realidades dende a arte. Creada no marco do programa de inserción laboral para vítimas da violencia de xénero e impulsada pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL).

- Obradoiro Violencia de xénero e o novo contexto dixital: Obradoiro educativo centrado no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sexting, etc.

- Encontro debate Hai saída grazas a ti: Actividade e a cargo de persoal especializado sobre a abordaxe da violencia de xénero, con especial énfase na xente moza.

- Charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual: Acción a cargo de persoal especializado e dirixido preferentemente a xente moza, para reflexionar sobre o bo trato nas primeiras relacións, para identificar as tipoloxías de violencias sexuais, evitar ditas agresións e incidir nunha educación afectivo-sexual alternativa á pornografía.

- Taller formativo Conectad@s: Dirixido á mocidade, contemplando un modelo afectivo desde os coidados e o bo trato e tendo en conta os novos xeitos de relación e as novas tecnoloxías. Abordarase a prevención, tanto na captación de mulleres mozas para ser prostituídas, así como a eliminación da demanda e acceso da mocidade á mesma.

Ademais, a programación inclúe a posibilidade de realizar visitas ás instalacións do Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren Violencia de Xénero por parte do persoal dos concellos. Estas visitas permiten organizar xuntanzas técnicas entre profesionais coa finalidade de por en común recursos e dinámicas de traballo.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios