A Xunta concede axudas por valor de 185.000 euros a 14 proxectos liderados por mulleres nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a unha das beneficiarias deste programa autonómico destinado a fomentar o emprendemento feminino

Esta convocatoria da Consellería de Política Social e Igualdade contou en 2024 cun orzamento de 5 M€, o máis alto da súa historia

Fene (A Coruña), 21 de xaneiro de 2025

A Xunta concede axudas por 185.000 euros a 14 proxectos liderados por mulleres nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución desta convocatoria da Consellería de Política Social e Igualdade para o fomento do emprendemento feminino durante unha visita a unha das beneficiarias do programa.

Trátase de Ana Belén Filgueira, taxista de profesión na Asociación de Radio Taxis de Fene, que percibiu unha achega autonómica de 10.000 euros, dentro da liña Emprende, orientada a facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de novo emprego feminino estable por conta propia e allea.

Aneiros explicou durante a visita na que estivo acompañada do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e da directora territorial da Consellería, María Blanco, que o obxectivo do programa Emega é o de promover o apoderamento económico e social das mulleres, incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e eliminar a fenda de xénero. Lembrou ademais que esta convocatoria contou co maior orzamento da historia, con 5 M€.

O programa, que posúe catro liñas de axudas (Emprende, Activa, ITEF e Concilia), comprende apoios dirixidos a apoiar á posta en marcha, á mellora e á activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

A contía dos apoios vai dos 3.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de  carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios