A Xunta colabora nas V Xornadas de Prevención da violencia de xénero organizadas por Alar Galicia
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero destacou a importancia da colaboración entre as administracións públicas e os axentes sociais para erradicar as violencias machistas
Lugo, 23 de outubro de 2024
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na inauguración das V Xornadas de Prevención e Sensibilización da violencia de xénero organizadas pola asociación Alar Galicia.
Durante o acto, que se desenvolve na sede da Xunta en Lugo, o director xeral destacou a importancia de manter unha constante coordinación entre as administracións públicas e os axentes sociais para a erradicación da violencia de xénero. Neste senso, Roberto Barba destacou o compromiso do Executivo galego na loita contra as violencias machistas e na posta en marcha de todos os recursos que sexan precisos para acabar con esta lacra.
Ademais, o director xeral fixo fincapé na importancia de traballar tanto na prevención e sensibilización como na atención e seguimento dos casos. Por iso mesmo, agradeceu á Asociación Alar a presenza nestas xornadas de profesionais multidisciplinares que permite abrir un diálogo dende diferentes ámbitos sociais.
Estas xornadas, que rematan este xoves, afondan en diferentes aspectos que van desde o proceso xudicial dos casos de violencia de xénero ata as problemáticas derivadas das violencias machistas nas vítimas e a súa contorna. Deste xeito, Roberto Barba será o encargado mañá de presentar o relatorio ‘A violencia de xénero como problema de saúde pública’ e posteriormente clausurará este encontro.