A Xunta colabora coas entidades sociais para facilitar a atención das mulleres en situación de vulnerabilidade
Eloína Ingerto destacou que o Goberno galego investiu 1,8 M€ euros nesta orde de axudas específicas que ofrece asesoramento e acompañamento a este colectivo
Neste sentido, recordou que Auxilia Lugo foi beneficiada con preto de 13.000 € o que permitiu atender a 13 usuarias
Lugo, 9 de setembro de 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou esta mañá a asociación Auxilia Lugo, unha das entidades beneficiadas coa orde de achegas para programas de atención integral a mulleres vulnerables. Neste sentido, destacou a importancia da colaboración entre o tecido social e o Goberno galego para contribuír á súa emancipación e independencia.
Eloína Ingerto lembrou que a Xunta puxo á disposición das entidades sociais unha orde de 1,8 millóns de euros para impulsar itinerarios e programas de atención, asesoramento e acompañamento a mulleres vulnerables. Así, destacou que entre as beneficiarias das iniciativas hai vítimas de violencia de xénero, de trata ou persoas con discapacidade.
En concreto, Auxilia Lugo recibiu preto de 13.000 euros para un programa de integración que beneficiou a 13 usuarios. Deste xeito, grazas ao traballo e colaboración entre a Xunta e esta entidade social, recibiron unha atención especializada e individualizada ao longo dun ano que facilitará, entre outras cousas, que poidan continuar cos seus proxectos de vida. Por iso mesmo, Eloína Ingerto agradeceu o labor que desenvolve esta asociación na provincia sendo un referente consolidado na defensa da eliminación de barreiras que dificultan a inclusión das persoas con discapacidade e a igualdade de oportunidades.