Esta rede pública de atención á mocidade, familias e profesionais que traballan no eido xuvenil conta con cinco recursos nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela

A Xunta chegou o ano pasado a preto de 22.500 persoas a través dos centros Quérote+

Ademais, este servizo público desenvolveu máis de 500 obradoiros dirixidos á mocidade e ás familias en centros educativos, concellos e entidades

A maior parte das consultas recibidas e accións formativas realizadas tiveron como temática o eido da sexualidade

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2025

Os centros Quérote+ da Xunta de Galicia tiveron un alcance de 22.428 persoas durante o pasado ano. Así se detalla na memoria de 2024 sobre o funcionamento destes recursos públicos de atención especializada á xuventude, ás súas familias e a profesionais que traballan no eido xuvenil.

Os eidos de intervención de Quérote+ corresponden a sexualidade, a promoción da diversidade sexual, a atención específica ao colectivo LGBTI, o benestar emocional, a realización de probas rápidas de VIH e VHC, e a promoción do botrato e a prevención e loita contra a violencia de xénero. A actividade destes servizos aséntase en tres piares: área de información, asesoramento e acompañamento; área formativa; e área de participación e sensibilización.

O balance de actividade da primeira destas áreas reflicte que estes recursos atenderon 5.186 consultas, máis do 65% das mesmas de maneira presencial ou telefónica e o resto recibíronse por redes sociais  e a través da páxina web, e por aplicacións de mensaxería instantánea (Whatsapp e Telegram). En relación coas temáticas, o eido da sexualidade é que maior número de consultas motiva con 3.099 e en segundo lugar sitúanse as relacionadas co benestar emocional con 918. Cómpre salientar, que tamén se atenderon 354 consultas específicas do colectivo LGBTI e 198 sobre violencia de xénero.

Formación para a xuventude, as familias e os profesionais

No que atinxe ás accións formativas, os centros Quérote+ realizaron un total de 544 obradoiros, incluídos os desenvolvidos con entidades e centros educativos, nos que participaron 11.941 persoas. A oferta do catálogo formativo dos centros Quérote+ diríxese á mocidade, ás familias e a profesionais dos ámbitos educativo, sanitario e que traballan no eido xuvenil. A sexualidade continua a ser a temática máis demandada tamén nas accións formativas, representando máis do 75% dos obradoiros realizados nos centros de ensino. O benestar emocionala promoción da igualdade e o botrato e a prevención da violencia de xénero son outras temáticas que se abordan nestes obradoiros.

En canto ao terceiro piar do servizo Quérote+, a participación e a sensibilización, salienta que o exercicio pasado púxose en marcha a campaña dixital ‘Pon o bo por diante. Usa o botrato’, co obxectivo de concienciar á mocidade sobre as relacións igualitarias. Outras accións dentro deste piar son: as xornadas de benvida nas Universidades públicas galegas ao inicio do curso, a instalación de mesas informativas en diversos lugares de afluencia xuvenil, como facultades e bibliotecas universitarias, ou o traballo de divulgación a través das redes sociais. Precisamente, as redes sociais de Quérote+ (Instagram, Facebook, X, etc.) suman preto de 17.000 seguidores.

Cinco centros e un equipo mutidisplinar

A rede pública Quérote+ está formada por cinco centros situados na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela e dispoñen dun equipo de profesionais formado por 12 persoas das áreas do traballo social, a educación social e psicoloxía. Contan tamén con persoal titulado co posgrao de sexoloxía e acreditado para impartir formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios