A Xunta avoga por dar máis visibilidade ás mulleres que traballan no medio rural
María Quintiana destaca o traballo desta entidade impulsada por CLUN para favorecer o liderado e o emprendemento femininos
Ames (A Coruña), 10 de novembro de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou esta mañá a sede de CLUN en Ames para coñecer de primeira man o traballo que desenvolve a Asociación Mulleres de Seu, unha iniciativa impulsada pola cooperativa co obxectivo de promover o empoderamento feminino no rural galego e visibilizar o papel das mulleres no sector agrogandeiro.
Durante a visita, María Quintiana estivo acompañada pola presidenta da asociación, Carmen Rodríguez, e por Jessica Rey, directora de marketing e comunicación de CLUN, as cales amosáronlle as instalacións da cooperativa, incluída a fábrica de lácteos de Feiraco, e explicáronlle o funcionamento e o impacto das accións que se levan a cabo dende a asociación. Mulleres de Seu traballa dende hai anos na dignificación do papel das mulleres no rural, promovendo o liderado, o emprendemento e a igualdade de oportunidades.
A directora xeral de Promoción da Igualdade afirmou que “a misión de Mulleres de Seu é plenamente compartida polo Goberno galego, xa que precisamos visibilizar as mulleres que traballan no medio rural para, ademais, convertelas en panca para todas as que poidan apostar por vivir nel”.
Neste sentido, Quintiana destacou o moito conseguido por esta entidade para que as mulleres ocupasen tamén os órganos decisión, engadindo que todo iso levou a que Cooperativas Lácteas Unidas fose recoñecida, no ano 2019, coa Medalla Emilia Pardo Bazán da Xunta de Galicia.
Pola súa banda, a presidenta de Mulleres de Seu destacou que “traballamos para fomentar o desenvolvemento persoal e profesional do rural a través dun plan de formación continua, de reunións nas que poñemos en común as nosas experiencias e expectativas, así como outras iniciativas que contribúen á dinamización social e económica do territorio”.