A Xunta avanza que está ultimando o II Plan Galego contra a Trata que se porá en marcha este mesmo ano
Roberto Barba presentou na Comisión 5º do Parlamento o balance das accións levadas a cabo no marco do anterior Plan elaborado polo Executivo galego
Puxéronse en marcha preto dun cento de accións de sensibilización en varios ámbitos sociais e formáronse máis de 200 profesionais nesta materia
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero lamentou a falta dun marco normativo por parte do Estado que permita seguir avanzando neste eido
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, avanzou esta mañá na Comisión 5º do Parlamento de Galicia que a Xunta xa está ultimando o II Plan Galego contra a Trata e Explotación de Seres Humanos e que se porá en marcha este mesmo ano. Así o trasladou durante a comparecencia para dar conta do balance do I Plan neste eido elaborado polo Goberno galego.
O director xeral sinalou que o I Plan Galego contra a Trata desenvolto entre o 2022 e o 2024 foi pioneiro no conxunto do Estado e contou coa colaboración activa do tecido asociativo que representa unha peza fundamental na loita contra a explotación sexual e na atención e recuperación das vítimas. Deste xeito, puxo en valor o labor da Rede Galega contra a Trata que participou na elaboración do documento.
Roberto Barba presentou as accións levadas a cabo na execución deste Plan que permitiu ofrecer unha atención social integral a máis de 1.900 vítimas e formar a máis de 200 profesionais de diferentes sectores como a Administración pública e as Forzas de Seguridade do Estado para dotalos de ferramentas esenciais para combater a explotación sexual e detectar a posibles vítimas.
Así mesmo, o director xeral fixo fincapé nas accións formativas que se desenvolveron na comunidade educativa co obxectivo de sensibilizar á poboación máis nova e tamén as súas familias. Nesta liña, destacou os obradoiros e talleres formativos que se desenvolveron con mozas e mozos para concienciar sobre a explotación sexual como unha forma de violencia de xénero.
Entre as accións levadas a cabo no marco dese Plan destacan os programas e itinerarios para fomentar a integración sociolaboral das mulleres vítimas de explotación sexual e trata, ofrecéndolle formación e ferramentas para a busca dun emprego. Así, recalcou que máis do 25% lograron acceder ao mercado laboral e comezar unha vida independente económicamente.
Durante a súa comparecencia, Barba lembrou que Galicia foi pioneira no recoñecemento das vítimas de trata como vítimas de violencia de xénero, garantindo así o seu acceso aos recursos e prestacións establecidos na lei. Con todo, o director xeral lamentou que o Goberno central aínda non publicase a norma estatal contra a trata e que impide o desenvolvemento homoxéneo de políticas e evidencia unha falta de coordinación que dificulta a protección e a garantía de dereitos das vítimas.