A Xunta avalía os retos que afrontan as mulleres emprendedoras para reforzar e optimizar medidas como o programa Emega
Fabiola García destaca que o investimento de 27M€ na última década permitiu apoiar a máis de 2.000 emprendedoras galegas, a maioría delas autónomas, e xerar máis de 4.000 empregos femininos na comunidade
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2025
A Xunta avaliará os resultados das medidas destinadas a impulsar o emprendemento feminino para optimizalas e adaptalas ás necesidades actuais. Así o avanzou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, nun coloquio con emprendedoras beneficiarias do programa Emega, que suma máis de 27 anos de historia.
No acto, no que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, a conselleira puxo en valor esta iniciativa impulsada polo Goberno galego, que só na última década, e grazas a un investimento de 27M€, permitiu apoiar a máis de 2.000 emprendedoras galegas, a maioría delas autónomas, e xerar ou reactivar máis de 4.000 empregos femininos en Galicia.
Fabiola García detallou tamén os resultados da última convocatoria deste programa, que en 2024 rexistrou máis solicitudes ca nunca. Neste exercicio destináronse a este programa máis de 5M€, o maior orzamento da historia, para apoiar case 400 iniciativas empresariais e xerar un total de 830 empregos.
No coloquio, presentáronse as experiencias de catro mulleres emprendedoras de diferentes puntos de Galicia. En diferentes momentos do acto, tomaron a palabra as directivas de Alma Ingeniería, empresa de Vilagarcía de Arousa, de Viños con Memoria, de Leiro, da firma Xestanatur Xardinería, do Saviñao, ou do proxecto empresarial La Tribu Verde da Coruña.
Contornas laborais igualitarias
A conselleira fixo fincapé en que Emega “é moito máis que unha axuda económica”, xa que tamén é unha achega para xerar investimentos e fixar poboación no rural ou para apostar pola conciliación. Destacou, ademais, que este tipo de iniciativas impulsan a creación dun emprego de calidade e permiten consolidar contornas laborais saudables e igualitarias.
Por último, a conselleira avanzou que a Xunta avaliará os resultados destas medidas “e os retos aos que se enfrontan, día a día, as mulleres emprendedoras”. O obxectivo é optimizar estas medidas e adaptalas ás necesidades actuais e aos retos de futuro.