A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta tarde a unha interpelación sobre as medidas na loita contra a violencia machista

A Xunta aposta por reforzar esforzos e recursos postos a disposición das mulleres que sofren violencia de xénero

Fabiola García amosou a condena do Goberno galego ao último asasinato machista e avanzou que nos Orzamentos de 2025 veranse reforzadas as partidas destinadas a loitar contra esta violencia

A conselleira apostou pola prevención e sensibilización, especialmente entre a mocidade, e pola atención integral ás vítimas, na que destaca a axuda económica mensual ininterrompida que ofrece Galicia

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta tarde a unha interpelación sobre a loita contra a violencia de xénero. Antes de comezar a súa intervención, amosou a total condena e rexeitamento da Xunta de Galicia ante o último asasinato machista, ocorrido a pasada fin de semana en Moaña, e garantiu o máximo apoio do Goberno galego aos seus familiares, especialmente ao seu fillo.

Ante esta realidade, a conselleira apostou por redobrar os esforzos e os recursos postos a disposición das mulleres e lembrou que a Xunta mantén “un apoio incondicional a todas as mulleres que sofren este tipo de violencia”, poñendo ao seu alcance todos os recursos que lles poidan axudar a seguir adiante coas súas vidas.

Fabiola García destacou que esta “aposta incuestionable da Xunta” vese reflectida, ano a ano, nos orzamentos, que se multiplicaron por catro desde 2009. E avanzou que, para continuar nesta senda, as partidas destinadas á loita contra a violencia de xénero será reforzada nas contas de 2025. O obxectivo será non só manter os recursos, servizos e prestacións que xa hai a disposición das vítimas, senón tamén reforzalos e amplialos.

Na súa intervención, a conselleira detallou que a actuación do Goberno galego fronte á violencia de xénero céntrase en dous eixos principais. O primeiro deles é a  prevención e sensibilización, especialmente entre a mocidade. E o segundo pasa pola atención integral ás vítimas, un eido no que Galicia conta cun dos servizos de tratamento psicolóxico a vítimas máis completos de España,  ofrece atención xurídica gratuíta e pon a disposición das vítimas unha axuda económica mensual ininterrompida, sendo a primeira comunidade en facelo. En definitiva, “apoiando sempre ás vítimas e aos seus fillos e fillas con recursos, axudas e solucións cando máis o necesitan”.

Na súa resposta, a conselleira sinalou que os datos estatísticos sitúan a Galicia como a segunda comunidade coa taxa de violencia de xénero máis baixa de toda España, quedando  case trinta puntos  por debaixo da media estatal. E destacou, ademais, que o incremento no número de denuncias constata que cada vez máis mulleres cren no sistema e denuncian aquelas situacións machistas que sofren no seu día a día.

Con todo, Fabiola García lembrou que “queda aínda moito camiño por percorrer” e entre os retos de futuro puxo o foco na posta en marcha nas vindeiras semanas dos cinco primeiros centros de crise 24 horas, que contarán cun equipo multidisciplinar de atención ás vítimas. 

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios