A Xunta aposta polo fomento da actividade física entre a poboación feminina e a promoción das deportistas galegas
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes inaugurou a xornada ‘Muller, exercicio e deporte nas diferentes etapas do ciclo vital’, organizada polo Goberno galego e a Universidade da Coruña
Diego Calvo referiuse aos programas Xogade, Adestra a túa saúde e Corresponsables, así como á campaña de promoción e sensibilización do deporte feminino galego, entre outras medidas
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, inaugurou hoxe en Santiago a xornada Muller, exercicio e deporte nas diferentes etapas do ciclo vital, onde incidiu na importancia de promover o deporte feminino e de fomentar o exercicio físico entre a poboación feminina ao longo de toda a vida. No encontro, o conselleiro referiuse ás diferentes medidas impulsadas polo Goberno galego, tanto para darlle visibilidade ás deportistas como para favorecer a práctica deportiva a prol da saúde.
Así, destacou iniciativas como o programa Xogade, dirixido á poboación escolar e que suma xa preto de 150.000 participantes, ou a Plataforma Dafis, que lles ofrece aos centros educativos valores de referencia para o control e a valoración da condición física do alumnado. Na actualidade hai 240 centros adheridos e máis de 300 docentes formados sobre a plataforma, que permitiu realizar preto de 62.500 valoracións a case 33.000 nenos e nenas.
Diego Calvo sinalou tamén o programa Adestra a túa saúde, destinado a mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos, derivándoas desde os centros de saúde a un promotor de exercicio físico municipal. Probada como experiencia piloto nos concellos de Abegondo e Arteixo, a medida esténdese agora a unha vintena de concellos.
No que se refire á promoción do deporte feminino, outra das grandes apostas da Xunta en materia deportiva segundo indicou o conselleiro, Galicia conta coa Campaña de promoción e sensibilización do deporte feminino galego 2024-25. Esta iniciativa específica reforza o Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición, no que a maioría dos equipos patrocinados na pasada tempada foron femininos ou con presenza feminina.
Citou ademais o programa Corresponsables, que ten como obxectivo fomentar o deporte entre a rapazada ao tempo que se facilita a conciliación e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. En 2023 houbo máis de 12.300 participantes en case un cento de concellos.
Visibilidade do deporte feminino
Para Diego Calvo, a xornada de hoxe é un exemplo máis da aposta da Xunta polo deporte feminino, xa que contribúe a darlle visibilidade á importancia que ten para a muller a práctica deportiva e ao labor das deportistas. De feito, o encontro inclúe unha mesa redonda con olímpicas galegas, á que asistiu a directora xeral de Promoción de Igualdade, María Quintiana. Nela interveñen deportistas da talla de Marta Bobo, ximnasta e primeira muller galega en participar nuns Xogos en Os Ánxeles 1984; Sofía Toro, regatista campioa olímpica en Londres 2012; ou Adi Iglesias, atleta campioa paralímpica en Toquio 2020.
A maiores, prestixiosos investigadores e investigadoras achegarán a súa experiencia respecto aos aspectos hormonais e perfil lesional da muller deportista, exercicio na muller embarazada e exercicio físico en muller postmenopaúsica. Xa pola tarde terá lugar un relatorio sobre o abandono da práctica deportiva en mulleres e un taller sobre liderado deportivo feminino.