A Xunta aposta polas novas narrativas culturais como ferramentas para potenciar modelos de relacións igualitarias
A obra de teatro ‘As formas do Amor’ revisa a forma en que se relacionan as parellas e rompe cos estereotipos de xénero
Esta acción forma parte da programación especial da Xunta polo 25N
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2024
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiu este mércores á representación da obra de teatro As formas do amor que se presentou en exclusiva para o alumnado e profesorado da Universidade de Santiago de Compostela que cursa itinerarios relacionados co traballo a prol da igualdade. A Xunta de Galicia destaca as novas narrativas culturais como ferramentas para potenciar os modelos de relacións igualitarias.
Esta peza teatral está coproducida polo Centro Dramático Galego e Verdeveras Expresións e conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade, a través dos fondos do Plan Corresponsables. Así, a obra teatral busca trasladar ao público unha visión diferente do amor, dun xeito respectuoso e diferente ao exposto nos roles tradicionais, baseado nos coidados mutuos e nas masculinidades igualitarias.
Esta representación forma parte da programación especial do 25N que elaborou a Xunta de Galicia e acompañouse, ademais, dun espazo de reflexión posterior no que as persoas asistentes afondaron máis en todas as cuestións expostas na obra.
Neste sentido, a directora xeral de Promoción da Igualdade destaca que é imprescindible desmontar as construcións sobre o amor tóxico para seguir avanzando na igualdade real entre mulleres e homes e romper cos estereotipos de xénero. Deste xeito, dáse visibilidade a historias de parellas que amosan novas realidades e opcións de vida compartida, especialmente a un público mozo.