A Xunta aposta pola colaboración interinstitucional para mellorar os vínculos afectivos e as dinámicas relacionais da mocidade
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, agradeceu ao IIS Galicia Sur a creación dunha novela gráfica para achegar información sobre as ITS e a súa prevención
Santiago de Compostela, 8 de xullo do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, defendeu esta mañá a colaboración interinstitucional para chegar ás xeracións mozas e mellorar os seus vínculos afectivos e dinámicas relacionais. Así o explicou tras a presentación no centro Quérote+ da novela gráfica do Instituto de Investigacións Sanitarias (IIS) Galicia Sur VIH Top 5, del paper al papel, sobre esta infección de transmisión sexual (ITS) e a súa prevención.
Eloína Ingerto agradeceu a esta institución a súa colaboración para seguir construíndo unha Galicia máis igualitaria, para o que é fundamental o fomento das relacións sas e a construción de vínculos afectivo sexuais respectuosos. Polo que, destacou a importancia desta novela gráfica que “non só achega á mocidade información esencial para as súas dinámicas relacionais, senón que tamén reforza a prevención das ITS e rompe cos estereotipos” e faino, ademais, “dun xeito próximo e cunha linguaxe inclusiva”.
Neste sentido, a directora xeral puxo en valor que “a presentación deste recurso se faga precisamente nun centro Quérote+”, un recurso público da Xunta que ten como obxectivo sensibilizar, asesorar e acompañar á mocidade en cuestións relacionadas cos vínculos afectivo sexuais, coas dinámicas relacionais e coa loita contra as violencias machistas e LGTBIfóbicas. “Cremos que é fundamental que recursos coma esta novela gráfica estean a disposición das novas xeracións” e que poidan acceder a toda a información a través deste servizo.