A Xunta apoia con máis de 5 millóns de euros 371 iniciativas empresariais lideradas por mulleres que supoñen 837 empregos femininos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución dos apoios desta iniciativa da Xunta coa que se conceden entre 8.000 e 27.000 euros por beneficiaria en función da liña que se solicite e do número de postos de traballo creados ou mantidos de carácter indefinido para mulleres
Desde 2009 a Xunta leva destinados máis de 28 millóns a esta iniciativa, coa que se concederon máis de 2.000 axudas para apoiar proxectos empresariais e permitiu a creación e consolidación de máis de 4.000 postos de traballo feminino
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024
Hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as resolucións das axudas EMEGA ao emprendemento feminino. En total benefícianse destas achegas unhas 371 iniciativas empresariais lideradas por mulleres e que supoñen a xeración e consolidación de 837 empregos femininos.
O programa comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Este programa está integrado con catro liñas: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación e mellora de proxectos empresariais; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 27.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.
Para resultar beneficiarias desta iniciativa, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.
Esta iniciativa desenvólvese en Galicia desde hai 27 anos. Coa convocatoria deste ano, desde 2009, o Goberno galego leva investidos máis de 28 millóns de euros no programa, permitindo a concesión de máis de 2.000 axudas para apoiar proxectos empresariais femininos que permitiron crear e consolidar máis de 4.000 postos de traballo.
Os datos desagregados das concesións derivadas do Programa Emega 2024 son os seguintes:
|
Emega 2023 |
|||
|
Provincia |
Emprendedoras beneficiarias |
Importe total |
Nº empregos consolidados |
|
A Coruña |
162 |
2.159.000€ |
350 |
|
Lugo |
47 |
614.000€ |
96 |
|
Ourense |
33 |
423.000€ |
58 |
|
Pontevedra |
129 |
1.813.000€ |
333 |
|
Galicia |
371 |
5.009.000€ |
837 |