A Xunta anima as mulleres emprendedoras a solicitar as axudas do programa Emega para potenciar o talento e o emprego feminino
Fabiola García lembrou que o prazo para acollerse a estas achegas económicas remata o vindeiro 14 de agosto
A convocatoria do 2025 contempla catro modalidades de axuda: Emerxe, Impulsa, Innova e Concilia
A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que na última década esta iniciativa permitiu consolidar 4.000 empregos
Sanxenxo (Pontevedra), 8 de xullo de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a tenda de produtos artesanais Hypatia. Durante a visita, destacou que este proxecto foi beneficiario o pasado ano das axudas Emega e aproveitou para animar ás mulleres emprendedoras a acollerse a estas axudas da Xunta para potenciar o talento e o emprego feminino.
Fabiola García sinalou que a convocatoria está aberta ata o vindeiro 14 de agosto e conta cun orzamento de máis de cinco millóns de euros, permitirán beneficiar 350 iniciativas. Ao respecto, sinalou que este orde de axudas conta con catro liñas: a primeira é Emega Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea; a segunda é Emega Impulsa, con ata 17.000 euros de subvención, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres e para implementar medidas innovadoras para a mellora da competitividade; e a terceira modalidade é Emega Innova, con contías de ata 42.000 euros, para o desenvolvemento de iniciativas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica.
A conselleira lembrou que a estas tres modalidades súmaselle unha axuda complementaria que é Emega Concilia, destinada a facilitar que as traballadoras poidan compaxinar a vida laboral, persoal e familiar. Ademais, avanzou que este ano a convocatoria, cofinanciada nun 60% pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, tamén busca prestar un maior apoio a mulleres maiores de 55 anos e ás propostas de emprendemento no rural, entre outros.
Neste sentido, Fabiola García lembrou que o programa impulsado pola Xunta para “contribuír a que as emprendedoras poidan ocupar o lugar que lle corresponde no mercado laboral”, permitiu beneficiar só na última década máis de 2.000 proxectos e consolidar ata 4.000 postos de traballo femininos.