A Xunta abre mañá o prazo para acollerse ás axudas para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria desta liña de subvencións dirixidas a entidades e cooperativas sen ánimo de lucro

A finalidade destes fondos é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da súa independencia económica

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025

A Xunta abre mañá, e durante un mes, o prazo para que as entidades e cooperativas sen ánimo de lucro se acollan a orde de axudas para favorecer a contratación de mulleres vítimas da violencia de xénero. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica  esta convocatoria, que dispón dun orzamento de 600.000 euros e que está cofinanciada pola Unión Europea (UE) no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027.

A finalidade destas axudas é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica. Tamén se procura favorecer as posibilidades de inserción laboral, co obxectivo fundamental de lograr a plena integración na vida económica e social.

O importe de cada contrato varía en función do grupo profesional, oscilando entre un mínimo de 1.932,54 euros e un máximo de 2.802,18 euros. A través destas subvencións, pódese chegar a contratar a preto de 30 mulleres que sofren violencia de xénero, incluídas as que padeceran violencia vicaria e as vítimas de trata con fins de explotación sexual. As beneficiarias deben estar inscritas como demandantes de emprego, ter cesado a súa relación de convivencia co agresor e acreditar a súa condición de vítima.

Esta convocatoria de axudas realízase desde o ano 2021 e desde entón 65 entidades sen ánimo de lucro acolléronse a este programa e contratáronse a un total de 110 vítimas de violencia de xénero.

Esta liña de achegas forma parte do conxunto de actuacións que a Xunta de Galicia mantén desde hai anos para garantir un apoio completo ás vítimas, tales como as prestacións periódicas mensuais ou os programas de atención integral en ámbitos como o psicolóxico ou o xurídico, entre outros.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios