Nova convocatoria do concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais, con motivo do 25 de novembro "Día Internacional contra a Violencia de Xénero"
Con motivo da celebración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa convocan un Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais.
O obxecto do concurso é a realización de traballos, consistentes en imaxes gráficas e pezas audiovisuais, coa finalidade de promover a reflexión sobre a loita contra a violencia de xénero dentro dos centros educativos de Galicia, a través dunha acción que fomente a participación cidadá no rexeitamento público e frontal contra a violencia de xénero e sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre mulleres e homes.
Nesta edición, e tendo en conta a evolución das formas de relación e comunicación, cobra especial relevancia visibilizar tamén a violencia de xénero que se exerce a través das tecnoloxías e dos contornos dixitais, unha realidade cada vez máis presente, especialmente entre a mocidade.
Tema: Reflexión contra a violencia de xénero.
Destinatarios: Poderá participar no concurso calquera centro educativo de ensino non universitario que imparta ensinanzas de primaria, ESO, bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia.
Participación: Os traballos poderán realizarse individualmente ou en grupo a través de equipos guiados por 1 docente e constituídos por un máximo de 8 alumnos e alumnas; procurarase a representación equilibrada entre o alumnado.
As bases da convocatoria están dispoñibles neste enlace.