Martina Aneiros loa a traxectoria de Teima Down Ferrol e recorda que aínda se poden solicitar as axudas á contratación de vítimas de violencia de xénero

A delegada da Xunta en Ferrol visitou hoxe as instalacións da asociación, que contratou a dúas técnicas de apoio grazas a unha axuda de 53.000 euros o pasado ano

A actual convocatoria conta cun crédito de 600.000 euros e está aberta ata o 18 de setembro

[node:field_media_images:0:entity:field_media_image:alt]

Ferrol, 8 de setembro de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe xunto ao director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, as instalacións da asociación Teima Down Ferrol. Dende alí recordaron que segue aberta, ata o 18 de setembro, a convocatoria das axudas para o fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero.

Aneiros explicou que, con estas achegas, o Goberno galego busca “contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, facilitando tamén unha futura inserción laboral estable”.

A actual convocatoria, impulsada pola Consellería de Política Social e Igualdade e cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, conta cun crédito de 600.000 euros para as anualidades 2026 e 2027. A contía por cada muller contratada a tempo completo é a equivalente a sufragar durante o período de contratación, de un mínimo de 6 ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social por conta da entidade empregadora.

Teima Down foi unha das asociacións sen ánimo de lucro que resultaron beneficiarias en 2025, tal e como destacou Aneiros, recibindo unha achega de máis de 53.000 euros cos que contratou a dúas técnicas de apoio. A delegada territorial aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo que ven realizando a asociación dende a súa fundación, hai máis de tres décadas, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual da comarca.

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios