Manuel Pardo sinala ao centro de crise 24 horas da xunta como un referente na atención as vítimas de violencia de xénero
O delegado da Xunta destacou o papel da comunidade escolar no fomento de actitudes, valores e capacidades que contribúan a un pleno desenvolvemento en igualdade
Manuel Pardo louvou o traballo dos Centros de Crise 24 horas na atención a vítimas de violencia sexual, e puxo en valor a importancia este recurso que, ademais de ofrecer unha atención especializada e integral ás vítimas, tamén ofrece asesoramento e acompañamento
O representante autonómico recalcou que esta é unha loita de toda a sociedade na que é fundamental contar coas ferramentas e os recursos para previr, detectar e actuar fronte a posibles casos
Ourense, 25 de novembro de 2026
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, coincidindo coas datas da celebración do Día internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, visitou esta mañá o CPI Terras de Maside, onde o Centro de Crise 24 horas de Ourense está a desenvolver un taller para a promoción de accións de sensibilización, divulgación, prevención e formación dirixido aos escolares na loita contra a violencia sexual.
“A Administración educativa debe xogar un papel fundamental na prevención da violencia de xénero e de comportamentos e actitudes sexistas -con especial atención á violencia de xénero dixital-, na resolución dos conflitos e na aprendizaxe da convivencia baseada no respecto a todas as persoas”, subliñou Manuel Pardo, quen destacou o papel da comunidade escolar no fomento de actitudes, valores e capacidades que contribúan a un pleno desenvolvemento en igualdade.
O delegado da Xunta louvou o traballo dos Centros de Crise 24 horas na atención a vítimas de violencia sexual, e puxo en valor a importancia este recurso que, ademais de ofrecer unha atención especializada e integral ás vítimas, tamén ofrece asesoramento e acompañamento. Emprazado no PAC (Punto de Atención Continuada) da rúa Concello, este centro conta con profesionais multidisciplinais especializados na atención psicolóxica, social e xurídica, que garanten unha rápida atención ás vítimas e evitan a revitimización, converténdoo nun punto de referencia na loita contra a violencia machista na provincia.
O representante autonómico lembrou que o obxectivo da Xunta coa apertura destes recursos é que ningunha muller se sinta soa nin desprotexida ante unha situación de violencia sexual e resaltou que, neste sentido, o Executivo galego está potenciando a colaboración e cooperación doutros recursos autonómicos, como os centros de información á muller (CIM), CIM móbiles e o centro de recuperación integral (CRI), cos centros de crise. Todo, lembrou, como parte do compromiso do Goberno galego coa erradicación da violencia contra as mulleres.
Nesta liña, salientou que Galicia foi o primeiro territorio do Estado en ofrecer unha prestación económica periódica anual para todas as vítimas e lembrou, entre outras medidas, a activación dos cinco centros de crise 24 horas, a elaboración dun protocolo específico para combater a violencia machista nas mulleres con discapacidade e doutro con pautas de actuación para as policías locais e a creación da primeira rede de empresas na loita contra a violencia de xénero.
Por último, aproveitou a súa estadía no colexio o delegado da Xunta para felicitar aos traballadores deste Centro de Crise 24 horas polo labor que desenvolven cada día na atención, protección e acompañamento ás mulleres vítimas de violencia; e recalcou que esta é unha loita de toda a sociedade na que é fundamental contar coas ferramentas e os recursos para previr, detectar e actuar fronte a posibles casos.