A conselleira de Política Social e Igualdade participa na clausura do VI Foro Empresarial pola Igualdade organizado pola Confederación Empresarial de Pontevedra

Fabiola García reivindica a igualdade de xénero como motor de crecemento económico e xeración de oportunidades en Galicia

A conselleira destaca o apoio da Xunta ao talento feminino e ao emprendemento, con 5M€ anuais para impulsar proxectos empresariais de mulleres galegas

Pon en valor as medidas do Goberno galego para visibilizar referentes femininos e facilitar o acceso das mulleres ao tecido empresarial

[node:field_media_images:0:entity:field_media_image:alt]

Vigo, 1 de outubro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reivindicou hoxe a igualdade de xénero como un motor de crecemento económico e de xeración de oportunidades en Galicia. Así o puxo en valor na clausura do VI Foro empresarial pola igualdade, organizado pola Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) e que esta edición levou por lema Do compromiso ao valor económico.

Na súa intervención, Fabiola García salientou que falar de igualdade de xénero “non é falar unicamente de xustiza, compromiso ou responsabilidade empresarial, senón tamén de economía, progreso e futuro”. Neste sentido, explicou que eliminar as barreiras que aínda poden atoparse as mulleres “permite construír unha economía máis dinámica e aproveitar mellor as capacidades, o coñecemento e o talento de toda a poboación”. “Por iso, a igualdade de xénero non debe entenderse como un gasto. Debe entenderse como un investimento na nosa economía e no noso futuro”, afirmou.

A conselleira de Política Social e Igualdade subliñou, ademais, que Galicia é consciente do impacto económico da igualdade de xénero e da importancia de impulsar o talento feminino, así como de ofrecer referentes en todos os ámbitos para que as nenas e mozas “poidan mirar cara ao futuro e saber que non existen camiños vetados polo feito de ser mulleres”. Así, destacou a posta en marcha da Plataforma Presentes, que xa conta con máis de 2.000 profesionais galegas rexistradas, así como das charlas Inspirando Presentes, que percorrerán distintos puntos de Galicia. Estas iniciativas buscan visibilizar o talento das mulleres galegas e achegar referentes ás novas xeracións, contribuíndo a ampliar as súas expectativas e oportunidades profesionais.

No ámbito económico, Fabiola García reafirmou o compromiso da Xunta con incrementar a presenza das mulleres no eido do emprendemento e no tecido empresarial galego. Con este obxectivo, explicou que o Goberno galego destina 5M€ ao ano para apoiar o emprendemento de milleiros de mulleres galegas, co obxectivo de favorecer a posta en marcha e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres. A esta aposta súmanse máis axudas e recursos destinados a facer posible a conciliación e avanzar na corresponsabilidade, como ferramentas fundamentais para facilitar a participación das mulleres no mercado laboral e no desenvolvemento empresarial.

A xornada, na que participaron empresarias galegas de distintos sectores, foi inaugurada pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, que deu conta do compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades no eido laboral. Neste sentido, salientou a futura Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados na que traballa o Goberno galego da man de mulleres de distintos perfís profesionais e no seo do Diálogo Social. Tamén se referiu ao Campus en liña de igualdade laboral, unha plataforma de formación gratuíta dirixida á sensibilización e capacitación en igualdade efectiva no ámbito do traballo.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios