Fabiola García pon en valor o compromiso coa investigación medioambiental de María Loureiro, galardoada co Premio Wonenburger 2024
Destaca o seu traballo de investigación sobre cálculo do impacto económico do cambio climático e a relación entre o consumo e o clima, que a sitúa como “un auténtico referente no eido das ciencias sociais”
Lembra que o Goberno galego desenvolve políticas públicas en materia de igualdade que “buscan derribar barreiras e elevar as vocacións de nenas e rapazas, a modo de efecto espello no que poidan mirarse”
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá no acto de entrega do premio María Josefa Wonenburger Planells 2024 a María Loureiro, catedrática de Fundamentos de Análise Económico da Universidade de Santiago de Compostela. A Unidade Muller e Ciencia da Xunta -que concede o recoñecemento- tivo en conta o seu labor na investigación sobre a enerxía ou a economía ambiental e agrícola, entre outras cuestións.
Fabiola García, que volveu condenar o asasinato machista rexistrado onte en Viveiro, fixo fincapé na ampla traxectoria que atesoura María Loureiro, á que definiu como “un auténtico referente no eido das ciencias sociais”. De feito, destacou que se trata dunha prolífica investigadora especialista en transición enerxética, clima e medio natural e que se atopa incluída na lista do 2 % de persoas científicas de maior impacto mundial, a denominada Lista Stanford.
A conselleira de Política Social puxo en valor o seu traballo de investigación sobre o impacto económico do cambio climático e a relación entre o consumo e o clima e lembrou que Loureiro fixo historia coa súa avaliación económica dos danos ambientais do Prestige, que deu lugar, por primeira vez, a unha peritaxe medioambiental dunha catástrofe deste tipo. María Loureiro traballa agora, xunto ao seu equipo, no cálculo dos danos ocasionados por eventos climáticos extremos, que poden afectar á saúde e ao benestar da cidadanía.
Na súa intervención, Fabiola García subliñou que o obxectivo deste galardón é “blindar o papel fundamental das mulleres na ciencia” e fixo fincapé en que a Xunta aposta pola eliminación de desequilibrios na ciencia e por situar a perspectiva de xénero nun primeiro plano nos estudos e actividades científicas.
Para conseguir este obxectivo, o Goberno galego desenvolve políticas públicas en materia de igualdade que “buscan derribar barreiras e elevar as vocacións de nenas e rapazas, a modo de efecto espello no que poidan mirarse”. Entre estas iniciativas, destacou o III Programa Muller e Ciencia que, con 44,7 M€, quere impulsar un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore a igualdade de oportunidades. Neste sentido, lembrou que os orzamentos de 2025 inclúen máis de 28 M€ para a promoción da igualdade de xénero para impulsar, entre outras cuestións, unha maior educación e investigación en clave de igualdade.
Por último, Fabiola García lembrou que o premio María Josefa Wonenburger -na honra da investigadora e matemática galega que foi pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias- foi creado polo Goberno autonómico para distinguir as mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía. Con este recoñecemento, a Xunta quere poñer en valor a carreira destas referentes, que destacan pola súa contribución e convertelas en modelo a seguir polas xeracións vindeiras.
Ampla traxectoria investigadora
María Loureiro, nada no concello lucense da Pontenova en 1972, é licenciada en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutora pola Washington State University. Desde o ano 2010 é catedrática na USC e, ademais, foi profesora titular na Colorado State University e na Carlos III de Madrid.
A Unidade da Muller e da Ciencia destaca tamén que María Loureiro forma parte da Real Academia Galega das Ciencias desde o ano 2022. Concretamente, a investigadora é a primeira muller académica numeraria da Sección de ciencias Económicas e Sociais.