Fabiola García enxalza os 45 anos de traballo de FAXPG pola plena inclusión e integración das persoas xordas
Destaca a intensa colaboración entre a Xunta e a entidade para promover a accesibilidade nos servizos públicos
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, foi a encargada de abrir a Xornada institucional cultura xorda, cultura accesible, un evento co que a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) celebrou hoxe o seu 45 aniversario. Durante a súa intervención a conselleira destacou o traballo realizado polos membros da entidade na integración e inclusión das persoas con discapacidade auditiva.
Fabiola García agradeceu a todas as persoas que forman FAXPG “o seu empeño para facer un mundo máis xusto coas persoas con discapacidade”. Neste senso, lembrou que esta entidade ofrece ás persoas xordas asesoramento, atención psicolóxica e orientación para a busca dun emprego. Así mesmo, salientou que son un referente na promoción da linguaxe de signos e que contan cun amplo grupo de intérpretes que traballan en diferentes ámbitos.
A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que ao longo destes 45 anos de traxectoria a federación acadou importantes fitos e fixo fincapé na colaboración do Executivo galego para fomentar a accesibilidade das persoas xordas á vida pública. Así, sinalou a presenza de intérpretes e auxiliares en centros hospitalarios ou o servizo de lingua de signos nas retransmisións da Televisión de Galicia.
Mesa redonda
Tras a inauguración, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ofreceu unha charla sobre a ‘Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia’ e participou nunha mesa redonda sobre as linguas de signos como medio de expresión artística e de acceso á cultura.