Fabiola García destaca o incremento do 10% do orzamento para política social e igualdade ata acadar os 1.535 millóns de euros no 2027
É a Consellería que máis aumenta os seus fondos nas novas contas da Xunta
A cifra de dependentes atendidos supera xa os 99.200, un 99%, e reducíronse os tempos de espera en case tres meses
Continúa a ampliación da rede de atención residencial co novo proxecto de residencias, que suporá a creación de 25 centros e de máis de 1.800 prazas
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o incremento dun 10% dos fondos que os novos orzamentos da Xunta destinan a esta área ata acadar os 1.535 millóns de euros, o que a converten na Consellería que rexistra o maior crecemento. Fíxoo no Pleno do Parlamento autonómico, onde reafirmou a aposta do Executivo galego por un modelo de atención que respecta a liberdade das persoas para elixir onde e como queren ser coidados.
Na súa intervención, Fabiola García puxo en valor o impulso histórico que a Xunta está a dar nos últimos anos á dependencia, ata superar na actualidade as 99.200 persoas con servizo ou prestación, acadar unha ratio de atención do 99% e reducir os tempos de espera en case tres meses, o que fai de Galicia a comunidade autónoma que máis axilizou a tramitación dos recursos e axudas.
Fabiola García afirmou que o modelo da Xunta dá resposta á preferencia maioritaria das persoas dependentes: seguir sendo coidados nas súas casas. Con este obxectivo, anunciou que no 2027 incrementarase o orzamento do Bono Coidado no Fogar ata os 277 millóns de euros, case 100 millóns de euros máis, o que permitirá continuar aumentando a cifra de beneficiarios desta axuda, que hoxe xa supera os 43.000. Nesta liña, a conselleira destacou a ampliación da rede de casas do maior, con máis de 150 recursos en funcionamento por todo o rural en galego, e o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun apoio económico extra aos concellos de 150 millóns de euros nesta lexislatura.
A conselleira tamén se referiu ao aumento das prazas de atención residencial sostidas con fondos públicos, a través das sete novas residencias de maiores financiadas pola Fundación Amancio Ortega, o Plan de investimentos ou o novo proxecto de residencias. Ao respecto deste último, lembrou que suporá a creación de 25 novos centros e de máis de 1.800 prazas, así como a xeración de máis de 4.000 empregos entre directos e indirectos.
Débeda do Goberno central
Fabiola García contrapuxo o modelo galego de coidados coa xestión do Goberno central, ao que criticou por “facer caixa a costa dos dependentes galegos”. Neste sentido, apuntou que só no último ano, o Executivo central incrementou a súa débeda neste ámbito en 250 millóns de euros, elevando a total por riba dos 3.000 millóns de euros.
Por último, a conselleira lamentou que o Goberno central siga sen achegar o 50% da factura da dependencia ao que está obrigado por Lei e que aplique criterios diferentes entre territorios, xa que co País Vasco asinou un acordo para chegar o 50% de financiamento e deixa aberta a porta a facer o mesmo con Cataluña a través da recente reforma da Lei de Dependencia.