A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse cos alcaldes de Monterrei, José Luis Súarez, e Cualedro, Luciano Rivero

Fabiola García coñece o proxecto da Mancomunidade de Verín para a mellora e ampliación do Centro de Información á Muller

A conselleira destacou que a nova orde de axudas da Xunta contempla diferentes actuacións para rehabilitación, adquisición de equipamento ou reforma destes recursos

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde de Monterrei e presidente da Mancomunidade de Verín, José Luis Súarez, e co rexedor de Cualedro e vicepresidente deste organismo, Luciano Rivero, para coñecer o proxecto de mellora do Centro de Información á Muller (CIM) dos municipios desta comarca.

Na xuntanza abordaron o traslado do CIM da Mancomunidade de Verín a un novo edificio para ampliar os seus servizos e mellorar a atención. Deste xeito, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou que xa está aberta a convocatoria de axudas impulsada pola Xunta para levar a cabo diferentes proxectos de actuación e reforma destes centros, para o que se destina unha partida de máis de 760.000 euros.

Así mesmo, Fabiola García agradeceu o interese desta mancomunidade na mellora deste centro, xa que se trata dun recurso fundamental na prevención da violencia de xénero. Neste sentido, trasladoulle o compromiso da Xunta de seguir impulsando iniciativas neste eido para facer de Galicia un referente na igualdade.

Durante o encontro, a conselleira interesouse tamén polas diferentes inquedanzas e demandas municipais dos rexedores destes concellos. Así, acordaron seguir colaborando para impulsar iniciativas en diferentes eidos, concretamente, no coidado dos maiores e nas iniciativas de promoción da autonomía das persoas con discapacidade.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios