A Delegación da Xunta en Lugo acollerá o 18 de novembro unhas xornadas sobre violencia dixital organizadas por Alar Galicia

O delegado territorial, Alfonso Villares, e o director da entidade, Fernando González, presentaron o encontro, no que diferentes profesionais analizarán o acoso e a ciberviolencia, a súa incidencia nas redes sociais e os recursos de intervención

[node:field_media_images:0:entity:field_media_image:alt]

Lugo, 8 de outubro de 2026

A Delegación Territorial da Xunta acollerá o 18 de novembro as VI Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero organizadas por Alar Galicia, que estarán adicadas á violencia dixital.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares; o director da entidade, Fernando González; e o director territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, Óscar Viñas, presentaron hoxe o encontro, no que compartirán a súa visión e experiencia sete profesionais de diferentes campos que traballan no ámbito da violencia de xénero.

O programa desenvolverase en horario de mañá, de 9,00 a 14,15 horas, e contará con tres mesas redondas. Na primeira, sobre acoso e violencia dixital, intervirán o director xeral contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba; e a integrante do Equipo de Muller e Menor da Garda Civil Graciela Pérez.

A continuación abordarase a violencia nas redes sociais, a través da perspectiva da presidenta da asociación Stop Violencia de Xénero Dixital, Encarna Iglesias; e da investigadora Eleonora Espósito, experta nacional destacada na Dirección Xeral de Redes, Contidos e Tecnoloxía das Comunicacións (DG Connect) da Comisión Europea.

Tamén se analizarán as vías de intervención e recursos fronte a este tipo de violencia, coa participación das psicólogas Silvia Otero – do programa Atenea de Alar Galicia – e Paula Castro – da área de violencia machista de Aliad Ultreia -, xunto coa traballadora social de Cáritas Diocesana de Lugo Cristina Reguero.

As persoas interesadas poden contactar con Alar Galicia para inscribirse nas xornadas, a través dos números de teléfono 982.243.316 e 608.803.171; ou no correo electrónico alar.galicia [at] alar-galicia.es (alar[dot]galicia[at]alar-galicia[dot]es).

Villares salientou a importancia que teñen este tipo de encontros divulgativos para concienciar á poboación sobre os riscos da ciberviolencia. Nese sentido, lembrou que  acaba de iniciar a súa tramitación parlamentaria a futura Lei de Medidas Integrais contra o Acoso e a Violencia Dixital de Galicia, que ten por obxecto adoptar medidas integrais para a sensibilización, a prevención e a detección do acoso e da violencia dixital, así como para a protección e apoio ás persoas que a sofren.

Temática

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios