Ángeles Vázquez incide na necesidade de dar voz á realidade das vítimas de trata para avanzar na prevención e a sensibilización
Puxo en valor iniciativas coma esta de Apramp e empresas do téxtil, como Coosy, que reafirman a importancia da colaboración interinstitucional
Tamén lembrou que a normativa galega de violencia de xénero garántelle a mesma protección ás vítimas de trata e ás da violencia de xénero
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a exposición de vestidos realizados por vítimas de explotación sexual da Asociación para a prevención, reinserción e atención á muller prostituída (Apramp) e a firma de moda galega Coosy. Neste sentido, incidiu na necesidade de poñerlle voz á realidade das vítimas de explotación sexual algo que é, dixo, necesario para avanzar na prevención e na sensibilización.
Durante o percorrido pola exposición na sede de Afundación, a conselleira puido coñecer a historia das deseñadoras de cada un dos vestidos; xa que cada unha das pezas está acompañada dun código QR que permite escoitar en primeira persoa as súas vivencias. A iniciativa parte de Apramp, que colabora con grandes firmas de moda como Coosy, para darlles a estas mulleres unha nova oportunidade, que en palabras da conselleira, lles permite “refacer, puntada a puntada, as súas vidas” e que ten como resultado estes de alta costura.
A conselleira puxo en valor, ademais, que iniciativas coma esta reafirman a importancia da colaboración interinstitucional que é fundamental para contribuír á recuperación integral das vítimas. Ademais disto, engadiu que a normativa galega en materia de violencia de xénero protexe as mulleres que sufriron explotación sexual como ao resto de vítimas de violencia de xénero, polo que teñen dereito a todas as prestacións, medidas e recursos da Xunta.