Ángeles Vázquez destaca as galardoadas nas medallas Emilia Pardo Bazán como referentes dun feminismo libre e inspirador para as novas xeracións
Neste 2026 foron recoñecidas a maxistrada María Josefa Ruiz, as pioneiras do fútbol de Crendes e a asociación Saúde Mental A Mariña
A conselleira de Política Social e Igualdade incidiu na importancia de manter vivo o legado da escritora, á que definiu como “unha muller que fixo moito por mudar a sociedade”
Explicou que a localización escollida para o acto busca visibilizar o vínculo entre a autora e a Illa da Toxa
O Grove (Pontevedra), 5 de novembro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, entregou esta mañá a Medalla Emilia Pardo Bazán á maxistrada María Josefa Ruíz, á asociación Saúde Mental A Mariña e ás pioneiras do fútbol de Crendes. No acto, ao que tamén asistiu a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o delegado territorial en Pontevedra, Pablo Fernández, definiu as galardoadas como auténticas referentes dun feminismo libre e inspirador para as novas xeracións.
Ángeles Vázquez agradeceu o labor que vén desenvolvendo nos últimos anos María Josefa Ruiz, que foi a primeira muller en presidir unha Audiencia provincial en Galicia e que está consolidada “como unha auténtica referente da igualdade de xénero no ámbito xudicial da nosa comunidade”.
A conselleira tamén recoñeceu o traballo da Asociación Saúde Mental A Mariña, unha entidade que co seu labor “puxo de manifesto a importancia de ofrecer unha atención personalizada ás mulleres vítimas de violencia de xénero desde o punto de vista da saúde mental”. Unha aposta que consolidaron coa creación da primeira casa de acollida para mulleres que sufriron violencia machista e precisan unha atención máis especializada neste eido.
Por último, Ángeles Vázquez quixo poñer en valor o importante legado das pioneiras do fútbol de Crendes, un grupo de mulleres que “saltou aos terreos de xogo” cando o deporte feminino “non se contemplaba nin como un soño para elas”. Unha traxectoria que, en palabras da conselleira, abre paso “ás que hoxe son as campioas do mundo”.
O legado de Emilia Pardo Bazán
Ángeles Vázquez lembrou que estas medallas son “unha homenaxe ao legado de Emilia Pardo Bazán” e un recoñecemento “a quen abriu os camiños ás que viñeron detrás e que fixo moito por mudar a sociedade”. A isto engadiu que o que busca o Goberno galego con estes galardóns é recoñecer o seu compromiso con Galicia e tamén o de todas as persoas e institución que traballan día a día pola defensa dos dereitos das mulleres.
A conselleira aproveitou o acto para expoñer a importancia da vinculación entre a autora e a Illa da Toxa, xa que foi Emilia Pardo Bazán “a primeira persoa en poñer por escrito a lenda que dá vida á illa” e o motivo polo que a Xunta escolleu esa localización para facer entrega destes galardóns que homenaxean a escritora.