Ana Ortiz destaca as iniciativas das entidades sociais para o fomento da igualdade a través do Camiño
A delegada da Xunta en Vigo inaugurou este luns no Edificio Administrativo a exposición “Muller Femupo, mulleres que fan camiño”
Vigo, 26 de outubro de 2026
A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, inaugurou este luns no Edificio Administrativo do Goberno galego na cidade a exposición “Mulleres Femupo, mulleres que fan Camiño”, unha iniciativa itinerante da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) que durante os últimos meses percorreu diferentes concellos da provincia vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués da Costa.
A representante autonómica destacou que a chegada a Vigo da mostra supón un momento especialmente significativo para o proxecto, xa que permite pechar o percorrido da exposición nun espazo institucional e facer balance dun proceso que levou os referentes femininos a diferentes puntos da provincia.
O vestíbulo do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo (rúa Concepción Arenal, 8) acolleu a presentación oficial da exposición, que permanecerá instalada neste mesmo espazo ata o venres 30. A mostra está formada por sete paneis. O primeiro presenta e contextualiza o proxecto; cinco están dedicados ás edicións dos Premios Mulleres Femupo de 2022 a 2026; e un último panel incorpora códigos QR que permiten acceder a vídeos e outros contidos dixitais relacionados coas premiadas.
A exposición recolle traxectorias de mulleres, colectivos e entidades recoñecidas en ámbitos como a cultura, o deporte, a empresa, a administración e o asociacionismo, coa intención de achegar á cidadanía referentes reais e próximos.
“Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” non é só unha exposición. O proxecto foi concibido como unha experiencia cultural, educativa e social itinerante que conecta igualdade, territorio, participación e valores do Camiño de Santiago.
Ao longo do seu percorrido desenvolvéronse tamén obradoiros, actividades participativas e accións educativas destinadas a reflexionar sobre o significado de ser referente, a igualdade de oportunidades e o papel que xogan as mulleres na construción das comunidades.
Unha das dinámicas máis representativas do proxecto foi “As mulleres que fan o noso Camiño”, coa que as persoas participantes puideron identificar mulleres referentes das súas propias vidas e contribuír á creación dun mural colectivo.