Educación
A educación é unha ferramenta clave para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. O sistema educativo debe ser un motor de transformación, rompendo estereotipos e promovendo valores que garantan a igualdade real entre mulleres e homes.
Desde a infancia, é fundamental educar en igualdade para evitar retrocesos e consolidar os avances logrados. Apostar pola coeducación significa traballar para eliminar roles de xénero impostos e garantir que nenas e nenos teñan as mesmas oportunidades.
A igualdade no ámbito educativo non é só un reto, senón un compromiso colectivo para construír un futuro sen discriminacións nin barreiras.
Ler máis
A escola non é un espazo neutral: nela reflíctense e reprodúcense valores sociais, incluídos os estereotipos de xénero. Por iso, a coeducación aposta por unha educación en igualdade, sen roles nin mensaxes diferenciadas segundo o sexo ou o xénero. Un modelo que implica a toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado e familias.
A formación do profesorado en igualdade é clave para sentar as bases para a implantación dun modelo coeducativo nos centros educativos galegos. Unha formación que sirva para orientar e simplificar a introdución da perspectiva de xénero na práctica docente.
A educación en igualdade tamén debe incluír proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado de cara a construír e divulgar a memoria histórica feminina e a deconstruír os estereotipos de xénero.
Así mesmo é necesario implicar as familias neste labor coeducativo, polo que é imprescindible o apoio á formación, á sensibilización e á información na perspectiva de xénero a través das asociacións de nais e pais do alumnado.
A coeducación non é só unha aposta de futuro: é unha necesidade para garantir unha sociedade máis xusta, libre e igualitaria.
Investigación en Igualdade
Impulsar a perspectiva de xénero no eido da investigación universitaria axudará a coñecer e visibilizar o rol que a socialización diferencial de homes e mulleres e as relacións de xénero presentes na nosa sociedade repercuten nas distintas áreas de coñecemento.
Programa Galicia Investiga Igualdade
O obxecto deste programa é apoiar proxectos de investigación en materia de igualdade e xénero na etapa predoutoral. Para isto outórganse axudas ás universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación nos seus centros como doutoras e doutores en calquera das áreas de coñecemento.
A finalidade deste programa é fomentar a formación de investigadoras e investigadores para a obtención do título de doutoramento e a adquisición de competencias relacionadas coa investigación en xénero.
Tamén se busca mellorar o coñecemento da situación, as condicións e a posición de mulleres e homes nas relacións de xénero nos distintos ámbitos da vida, así como dar a coñecer os resultados da investigación que poidan constituír boas prácticas de políticas de igualdade.
Vocacións sen xénero. Unidade Muller e Ciencia
Aínda que os roles tradicionais están cambiando, a socialización diferencial segue influíndo nas expectativas e decisións de nenas e nenos, tamén no eido educativo e profesional.
Nas últimas décadas as mulleres lograron avances importantes nas diferentes áreas do coñecemento e están a contribuír de xeito significativo ao desenvolvemento científico, social e económico dos países. Porén, é necesario seguir traballando en políticas de igualdade que eliminen as barreiras e fomenten vocacións femininas naquelas áreas nas que as mulleres están infrarrepresentadas.
A Unidade Muller e Ciencia de Galicia naceu para impulsar a igualdade no ámbito científico e tecnolóxico, promovendo a participación das mulleres, a visibilización e o recoñecemento de referentes femininos e a ruptura cos estereotipos de xénero que aínda condicionan as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Ler máis
Unha das prioridades da Unidade é incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia, contribuíndo deste xeito a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas. Ademais, é necesario promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, á investigación e a innovación e xestión da I+D+i, así como situar nos estudos e nas actividades científicas a perspectiva de xénero nun primeiro plano.
As actuacións desde a perspectiva de xénero nos ámbitos social, científico, tecnolóxico e educativo son estratéxicas para avanzar cara un modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades actuais.