Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Consellería de Política Social e Igualdade e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convocan un concurso de carteis.
OBXECTO DO CONCURSO
O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos de Galicia, a través dunha expresión artística que visibilice a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos. A imaxe gráfica que resulte gañadora en cada categoría poderá ser utilizada pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, día 8 de Marzo do seguinte ano, así como para outras accións de sensibilización e de promoción da igualdade.