A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou hoxe nun coloquio con empresarias beneficiarias desta iniciativa

A Xunta avalía os retos que afrontan as mulleres emprendedoras para reforzar e optimizar medidas como o programa Emega

A Xunta avaliará os resultados das medidas destinadas a impulsar o emprendemento feminino para optimizalas e adaptalas ás necesidades actuais. Así o avanzou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, nun coloquio con emprendedoras beneficiarias do programa Emega, que suma máis de 27 anos de historia.

No acto, no que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, a conselleira puxo en valor esta iniciativa impulsada polo Goberno galego, que só na última década, e grazas a un investimento de 27M€, permitiu apoiar a máis de 2.000 emprendedoras galegas, a maioría delas autónomas, e xerar ou reactivar máis de 4.000 empregos femininos en Galicia.

Fabiola García detallou tamén os resultados da última convocatoria deste programa, que en 2024 rexistrou máis solicitudes ca nunca. Neste exercicio destináronse a este programa máis de 5M€, o maior orzamento da historia, para apoiar case 400 iniciativas empresariais e xerar un total de 830 empregos.

No coloquio, presentáronse as experiencias de catro mulleres emprendedoras de diferentes puntos de Galicia. En diferentes momentos do acto, tomaron a palabra as directivas de Alma Ingeniería, empresa de Vilagarcía de Arousa, de Viños con Memoria, de Leiro, da firma Xestanatur Xardinería, do Saviñao, ou do proxecto empresarial La Tribu Verde da Coruña.

Documentación

Ligazóns

Vídeos

Audios