Peregrina Quintela

Peregrina Quintela

Peregrina Quintela Estévez, gañadora do Premio María Josefa Wonenburger Planells 2016, destaca pola súa adicación plena á transferencia do coñecemento matemático á sociedade.

A viguesa é licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) con dous doutoramentos e na actualidade é Catedrática do Departamento de Matemática Aplicada da USC. Neste eido, participou en case un cento de proxectos de investigación ou contratos de transferencia coa industria de distintos sectores, liderando máis de cuarenta. Algúns exemplos foron a simulación numérica dos procesos hidro-termo-mecánicos da colada de arrabio en Horno Alto ou o deseño de sistemas de embalaxes seguros de grandes pedras para o transporte marítimo.

Polo seu compromiso coa transferencia do saber matemático á sociedade e por telo aproveitado para aplicalo na industria, Peregrina asumiu diferentes responsabilidades de xestión: coordinou o Nodo CESGA do Proxecto i-MATH e foi unha das fundadoras da Rede Española Matemática-Industria, que ten como obxectivo a mellora da transferencia da tecnoloxía matemática á industria, poñendo en valor o saber xerado nas Universidades e acurtando as distancias entre a investigación e a súa aplicación práctica.

Tamén participou na creación da rede europea EU-Maths-IN e, ademais, é cofundadora e directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, constituído polas tres universidades galegas.