Patrocinio Morrondo

Académica numeraria de Veterinaria

A catedrática da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, da USC, Patrocinio Morrondo Pelayo, vén de ingresar na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia como académica numeraria, converténdose na primeira académica de número electa.

Na sesión de ingreso, que tivo lugar o 26 de xaneiro na sede da academia, no Antigo Hospital de San Roque de Santiago, Patrocinio Morrondo pronunciou o discurso de ingreso, titulado Hipodermose bovina: claves para o seu control tras 20 anos de estudo en Galicia, ao que lle contestou  o académico de número José Luis Benedito Castellote. No mesmo acto o reitor da USC, Juan Casares Long, interveu para felicitar á académica.

No seu discurso Patrocinio Morrondo explicou a traxectoria da Unidade de Parasitoloxía e Enfermidades parasitarias da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo desde finais dos 80, cando comezou, conxuntamente co Profesor Díez Baños, unha liña de investigación sobre a hipodermose bovina con particular atención á súa presenza en Galicia.