Amparo Alonso

Amparo Alonso, Premio María Josefa Wonenburger Planells 2020

Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961) é catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña.

Despois de graduarse en Enxeñaría Química na USC (1984) e doutorarse en Física (1988) pola mesma universidade, Amparo Alonso desenvolveu estadías posdoutorais no Medical College de Georgia (Estados Unidos) e desde 1990 incorporouse como profesora á Universidade da Coruña. Durante a súa traxectoria desenvolveu numerosos proxectos de investigación e puxo en marcha o grupo LIDIA, co que se impulsan liñas de traballo que aplican a intelixencia artificial e a aprendizaxe automática a disciplinas como a medicina ou a xestión de incendios. Recentemente, Alonso formou parte do grupo de traballo que elaborou a Estratexia Española de I+D+i promovida en 2019 polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A investigadora galega é unha das científicas de referencia no eido da Intelixencia Artificial en España, e preside actualmente a Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA).

Pola súa traxectoria profesional, foi merecedora do Premio María Josefa Wonenburger Planells 2020, que outorga a Xunta de Galicia desde 2007, a través da Unidade de Muller e Ciencia.