A difusión pública nos diversos medios de comunicación dos asuntos relacionados coa perspectiva de xénero e coa igualdade por razón de sexo, ten unha importancia decisiva na actualidade no labor de concienciación social sobre esa problemática e sobre a promoción da igualdade como obxectivo irrenunciable da nosa sociedade. Por estas razóns, considérase que o órgano competente en materia de igualdade da Xunta de Galicia pode exercer un labor positivo neste sentido mediante a introdución dun estímulo ou incentivo para fomentar a publicación e a investigación sobre esas materias, tanto nos/as profesionais do xornalismo como no alumnado das facultades e escolas universitarias relacionadas con esta profesión. Por todo iso, convócase o concurso Comunicar en Igualdade coa finalidade de recoñecer e recompensar os traballos xornalísticos que contribuísen á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero.
O concurso convócase baixo dúas modalidades: premio para profesionais do xornalismo cunha dotación económica de 2.000 € e premio para o alumnado universitario, cunha dotación económica de 1.000 €.