As mulleres nos medios

Os medios de comunicación son, na sociedade actual, un elemento fundamental na formación de opinión, de tal forma que as persoas constrúen a súa percepción do mundo a través do que eles ofrecen.

Os modelos de referencia nos que se apoian, así como as pautas de comportamento que proxectan, contribúen a perpetuar a orden establecida e a reforzala. Son construtores da realidade social, impoñen estilos de vida, líderes, personaxes.  A mensaxen que difunde está impregnada da tradicional cultura patriarcal, polo que, en xeral, continúan emitindo mensaxes e proporcionando modelos de comportamento non igualitarios. Por todo elo, como creadores de opinión e actitudes, é especialmente importante que apliquen unha perspectiva de xénero nos seus contidos, detectando os problemas que afectan ás mulleres e participando activamente na eliminación de mitos e falsas crenzas sobre os papeis de mulleres e homes.

A presenza das mulleres nos medios de comunicación é escasa, tanto como obxecto protagonista da información, como nos postos de dirección das empresas.

A información sobre as mulleres

Cando falamos da invisibilidade das mulleres nos medios de comunicación, estámonos a referir a un concepto que vai ligado ao papel que tradicionalmente se lle deu na sociedade, o do espazo privado, familiar, e polo tanto invisible cara a sociedade, mentres que os homes se ocupaban do espazo público. Unha situación que segue presente nos medios, xa que a presenza feminina se reduce maioritariamente a ese espazo privado, non reflectíndose aínda suficientemente a importancia da transformación social que se ven dando ao compás da progresiva e imparable incorporación das mulleres a todas as esferas da vida. 

O peso que aínda ten nos medios a imaxe da muller como obxecto de deseo, especialmente na televisión, lastra moi considerablemente a imaxe que os medios en xeral ofrecen sobre as mulleres no seu conxunto. 

Se fala dunha muller profesional, citan outras características e outros aspectos que pouco teñen que ver coa noticia, por exemplo, ademais de proporcionar información relevante sobre a súa actividade, engádense características relativas ao seu aspecto físico, á súa idade, á sua vida familiar, á existencia ou non de fillas e fillos ou á problemática da conciliación, rasgos todos eles que nunca ou case nunca forman parte da información aportada se a personaxe sobre o que se informa é un home.

No que se refire aos contidos das noticias sobre mulleres, os temas de xénero que aparecen nos medios son máis ben escasos, e polo xeral circunscríbense a mulleres que teñan relevancia social, ou que destacan nas súas profesións, as primeiras en alcanzar determinado logro, ou realizar determinado traballo.

Sen embargo, nos últimos anos, e ao compás das profundas modificacións lexislativas sufridas, a violencia de xénero é a información que máis se prodiga nos medios de comunicación. Aínda que estas informacións  se elaboran a partir de sentencias xudiciais, informes das forzas e corpos de seguridade do Estado, dos informes da policía, ou do testemuño de persoas individuais, en poucas ocasións se elaboran informacións analíticas nas que se contrasten fontes, se diversifiquen puntos de vista e se trate o asunto desde a perspectiva mais correcta,  polo que non se aborda en profundidade, non se vai á orixe do problema e  se cae en clichés preestablecidos, nos que abonda o sensacionalismo e o morbo.

Tamén e xusto recoñecer que, aínda que o tema moitas veces non se trate coa profundidade necesaria, grazas á información sobre violencia de xénero, a sociedade está máis sensibilizada, xa non ve a violencia como algo que pertence só ao eido privado e familiar e comeza a considerala como un problema social que afecta á totalidade das persoas, na medida en que podemos ter unha posición activa para a súa eliminación.
 

As mulleres no control da información

O logro dunha nova realidade comunicativa, en contraposición coa vella ideoloxía sexista e patriarcal, podería conseguirse cunha maior presenza das mulleres nos postos de control dos medios de comunicación. Ademais,  débese aplicar a perspectiva de xénero á información. É preciso introducir novos códigos de linguaxe, modificar o sistema de valores, en definitiva, lograr que as mulleres entren na axenda dos medios de comunicación en igualdade de condicións que os homes.

Na actualidade, o desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación está contribuíndo a que as mulleres teñamos unha maior presenza na rede, xa que cada vez se crean máis espazos libres, abertos e cunha linguaxe e unha temática común, na que a información sobre as mulleres, e a que interesa ás mulleres, está garantida.

Ese é un dos obxectivos da nosa páxina web e por iso aportamos os enderezos de algúns destes sitios, nos que se pode atopar información de interese.

Tamén se incorporan guías sobre o tratamento informativo con perspectiva de xénero. Desde aquí podes acceder aos documentos sobre mulleres e medios de comunicación publicados polo Instituto de la Mujer do Ministerio de Igualdad e nas ligazóns relacionadas desta páxina pódense descargar aqueles outros que foron editados pola Secretaría Xeral da Igualdade e o Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia. 

Feitos vitais: