Corresponsabilidade

O termo corresponsabilidade fai referencia á responsabilidade compartida dunha situación ou actuación determinada entre dúas ou mais persoas. As persoas corresponsables posúen os mesmos deberes e dereitos na súa capacidade de responder polas súas actuacións nas situacións ao seu cargo.

Ás mulleres asignáronselle tradicionalmente tarefas e responsabilidades relacionadas coa familia e o fogar, e aos homes tarefas e responsabilidades de tipo laboral, cultural e político. Esta distribución respondía á aplicación de dúas lóxicas ben diferenciadas: dun lado a lóxica masculina e patriarcal da produción, doutra a lóxica feminina e maternal da reprodución, producíndose historicamente unha subordinación da lóxica reprodutiva á lóxica produtiva.
Nos últimos anos tense producido un avance considerable no acceso das mulleres ao ámbito público, á formación, ao emprego e ao lecer; sen embargo continúa pendente o acceso dos homes ao ámbito do fogar.
No ámbito privado sitúanse unha boa parte dos elementos que veñen configurar a fronteira da desigualdade, máis concretamente no fogar e a familia e arredor das tarefas que esixe o seu correcto mantemento.

A corresponsabilidade doméstica configúrase como o contrapunto necesario para acadar a igualdade completa no mundo laboral, posto que non cabe falar dunha igualdade real mentres a muller continúe a desempeñar unha dobre ou tripla xornada que a obrigue a renunciar ao seu ocio e tempo de lecer.

O obxectivo é conseguir unha situación de plena corresponsabilidade doméstica e dunha plena paternidade, que implique que tanto homes como mulleres asuman por igual a responsabilidade e as tarefas que supón o mantemento do fogar e o coidado dos/as fillos/as, e que remate coa tradicional división sexista das funcións.

Consiste, así pois, nunha distribución equitativa e democrática das responsabilidades e actividades domésticas, que se traducirá nun reparto equitativo entre os dous sexos dos tempos de produción, coidado das persoas, tarefas domésticas e tempo de descanso.

A corresponsabilidade é un obxectivo imprescindible para a participación igualitaria de mulleres e homes no mercado de traballo. Mentres as responsabilidades de traballo e de coidado das persoas dependestes –maiores, menores- continúe en mans das mulleres maioritariamente, non será posible que adiquen o tempo suficiente á súa formación, á súa promoción profesional, e continuarán sendo as que, chegado o caso, reduzan a súa xornada laboral ou abandonen  o seu posto de traballo se a situación o fai preciso. A corresponsabilidade no contorno familiar debe permitir que as persoas, independentemente do seu sexo, compartan as responsabilidades e dispoñan de iguais tempos e oportunidades para o traballo, a formación ou o lecer.

Colectivo: