Benvida da Secretaria Xeral
As persoas que traballamos na Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia estamos convencidas de que avanzar na igualdade de oportunidades é progresar na configuración dunha sociedade máis equilibrada e solidaria. E mirando ao futuro, descubrimos cada día novos desafíos, novos retos, novas metas, acordes cos obxectivos de máximos na procura dunha maior e mellor presenza feminina, cuantitativa e cualitativa, en todos os ámbitos sociais e profesionais.
Un futuro que pasa pola plena participación profesional das mulleres nos procesos de toma de decisións, como garantía de progreso e de desenvolvemento en todas as áreas do coñecemento; na tecnoloxía, nas artes, na ciencia, nas humanidades, na economía. Ámbitos aos que as mulleres teñen tantas solucións que ofrecer e tantas respostas que brindar aos retos económicos ou sociais dun mundo en continuo cambio, cunha cidadanía máis esixente, demandante de maiores cotas de benestar persoal e familiar.
Eses desafíos son unha auténtica motivación para a Secretaría Xeral da Igualdade, que quere mirar ao futuro con optimismo. E quere pensar que, como colectividade, imos ser capaces de reinventar os valores que animen e aviven esta complexa sociedade. Nesta carreira de fondo, hai xa algúns indicios alentadores, como a cada vez maior receptividade e implicación dos homes na construción dese novo escenario, no que a igualdade sexa plena, concebida como un ben común.
A homes e mulleres lles corresponde, por igual, o proxecto compartido de construír un mundo máis solidario, máis equilibrado e sen discriminacións.
Benvidos e benvidas á igualdade.
Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria Xeral da Igualdade