A escola, desde a etapa de educación infantil, constitúe o xerme da aprendizaxe, da interiorización de valores e de condutas relacionadas co respecto á diversidade. Este é sen dúbida o lugar idóneo para promover a igualdade entre mulleres e homes, posto que, se educamos en igualdade unha xeración de galegas e galegos, conseguiremos transmitirlle estes valores á seguinte xeración. A educación é a semente da igualdade. As persoas que no futuro se dediquen á educación, á publicidade ou á lexislación, entre outros ámbitos, non só traballarán en igualdade, senón que tamén a promoverán, o que garante a súa transmisión á sociedade.
O camiño para acadar unha sociedade máis igualitaria entre mulleres e homes pasa por incluír a educación en igualdade en todas as etapas educativas. Apostar pola coeducación é apostar por unha sociedade máis igualitaria entre mulleres e homes. En definitiva, unha sociedade mellor para toda a cidadanía.
A presente guía é o primeiro paso para acadar esta igualdade entre mulleres e homes na sociedade galega. Mediante a súa posta en práctica, o profesorado de Galicia poderá educar en igualdade o alumnado de infantil, primaria e secundaria. Dividida en tres capítulos centrais, o primeiro ten como obxectivo sensibilizar ante o sexismo presente na sociedade e na escola; o segundo trata de responder a pregunta que se fan as persoas que queren educar en igualdade: como levo a igualdade á miña aula?; e o terceiro céntrase na educación emocional e a coeducación afectiva como ferramenta para erradicar e previr a violencia de xénero na nosa sociedade.
Cada capítulo acompáñase de pautas de tratamento para levar a educación en igualdade ás aulas; de actividades con solucións para que o profesorado asimile os coñecementos expostos; e de tarefas de reflexión para que profunden na análise sobre o que acontece nas súas aulas. A guía tamén contén actividades para erradicar os prexuízos sexistas e educar en igualdade o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria de Galicia.
Por último, co fin de que o profesorado poida programar novas tarefas para traballar a educación en igualdade co seu alumnado, engádese unha ficha de deseño de actividades, así como unhas rúbricas de avaliación para o profesorado e o alumnado que permiten valorar tanto o deseño como a aplicación das tarefas coeducativas.