O obxecto desta resolución é fixar as bases reguladoras e a convocatoria pública, para o ano 2009, das axudas e subvencións para a realización de programas de formación a prol das mulleres mediante a execución dunha serie de actuacións.
Estas serían as seguintes:
- Apoio a programas destinados a facilitar a inserción laboral das mulleres impulsando a súa cualificación profesional, naquelas profesións que sexan demandadas polo mercado de traballo ou en que se atopen subrepresentadas.
- Apoio a programas de formación en novas tecnoloxías para mulleres, nomeadamente aqueles que apostan por un desenvolvemento sustentable.
- Apoio a proxectos formativos de carácter singular que poidan achegar un valor engadido ás accións anteriores.
- Apoio a programas de formación que contribúan a sacar ao mercado e aos servizos públicos os labores de coidado que realizan maioritariamente as mulleres de xeito gratuíto nos fogares.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento das accións formativas reguladas nesta convocatoria as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia. Quedarán excluídas aquelas que, con anterioridade recibisen algunha outra axuda deste organismo e non xustificasen o seu investimento.
As entidades locais solicitantes deberán contar cun Plan de igualdade.