Subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se publican os requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Resolución do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, para o ano 2018 (código de procedemento SI452A).

A Secretaría Xeral da Igualdade convocou para o ano 2018, a través da Resolución do 12 de setembro de 2018 (DOG número 182, do 24 de setembro), axudas para o ano 2018 destinadas á realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade. A dita resolución foi modificada pola Resolución do 28 de setembro de 2018.

As partidas orzamentarias con cargo ás que se financian estas axudas teñen financiamento con fondos finalistas do Estado, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O artigo 7 da Resolución do 12 de setembro de 2018 establece o prazo e a forma de presentación das solicitudes, indicando que a presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes ampliouse coa data dun mes contado a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da Resolución do 28 de setembro de modificación da Resolución do 12 de setembro, que foi publicada o 4 de outubro de 2018.

Así mesmo, no artigo 8, determínase a documentación que se xuntará ao anexo da solicitude.

Unha vez revisadas as solicitudes presentadas ao abeiro da dita resolución de convocatoria polo órgano encargado da instrución dos procedementos, identificáronse aquelas que non reúnen a documentación necesaria, ben por non tela presentado, ben por conter erros, ou ben por non ser suficiente para a determinación do cumprimento dos requisitos exixidos para a súa posterior remisión á comisión encargada da súa valoración.

O artigo 12 da citada resolución establece, de conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá á persoa solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, logo da correspondente resolución.

Así mesmo, tamén se indica que por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da citada Lei 39/2015, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos que a notificación.

Polo exposto,

DISPOÑO:

1. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de solicitudes que non están debidamente cubertas e/ou non achegan a documentación preceptiva exixida segundo o establecido nas bases reguladoras. Esta relación figura como anexo desta resolución.

2. Facer indicación expresa a todas as entidades solicitantes recollidas no anexo de que son requiridas para que, no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos conforme se establece nesta resolución. De non o facer, teranse por desistidas na súa petición, logo de resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda de documentación das solicitudes, poderán dirixirse á Secretaría Xeral da Igualdade a través da conta de correo promocion.igualdade@xunta.gal ou dos teléfonos 881 95 77 83, 981 54 73 97 ou 981 95 76 89, ou presencialmente.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2018

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade