O Diario Oficial de Galicia fai pública a resolución do 7 de maio de 2010, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto facilitarlles ás mulleres que teñan fillas ou fillos menores exclusivamente ao seu cargo un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer.
Prazas
Convócanse ata un máximo de 95 prazas para mulleres con fillas e/ou fillos ao seu cargo, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
Duración
As estadías terán unha duración de entre sete e dez días, en réxime de pensión completa, preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de xullo.
Condicións económicas
Os gastos de aloxamento, manutención, monitoras e transporte desde o seu concello de orixe serán gratuítos para as persoas beneficiarias, e correrán por conta da Secretaría Xeral da Igualdade e do Servizo Galego de Igualdade.
Requisitos
Poderán solicitar as prazas obxecto desta convocatoria as mulleres que reúnan os seguintes requisitos:
Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/fillos menores, sempre que estas/es teñan con idades comprendidas entre os dous e os doce anos, ambos inclusive.
Lugar e prazo de presentación da documentación
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
As solicitudes poderán presentarse no rexistro de Igualdade, sito no edificio administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios permitidos pola normativa reguladora do procedemento administrativo. No caso de que se presenten noutros rexistros, deberá enviarse unha copia da solicitude por fax ao número 981 54 19 19 antes da data de remate do prazo de presentación de solicitudes.